Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Felices peixes

Toda vez que nos pasados días daba cumprida información da cousa este moi venerable rotativo, nin que dicir ten que supoño que todos Vdes. –sempre moi amables lectores destas crónicas semanais– han de estar ao cabo da senlleira noticia. Pois velaí que a Comisaria Europea para a Igualdade, Dna. Helena Dalli, vén de anunciar a retirada dunha guía interna, distribuída entre o persoal desa mesma Comisión no afán por promover a linguaxe inclusiva como lle cómpre e, xa que logo, recomedar –entre outras varias medidas– que, diante das próximas celebracións que nos agardan (ou iso agardamos, á nosa vez), os funcionarios e funcionarias das Europas opten por empregar a fórmula “felices festas” no lugar de esoutra, tradicional, “feliz Nadal” ou como lle fose corresponder nas diferentes modalidades lingüísticas da UE. Malia que a Sra. Dalli explicou que un “obxectivo importante” da guía consiste en “ilustrar verbo da diversidade cultural de Europa e destacar, daquela, a natureza inclusiva da Comisión con respecto a todos os xeitos de vida e crenzas/non crenzas dos cidadáns europeos”, eis que o documento –logo de ser filtrado por algúns medios italianos; ai xornalistas, xornalistas, sempre a rexoubaren!– foi rexeitado de inmediato por sectores da dereita e da ulturadereita dado que a malfadada guía lles pedía aos funcionarios do Executivo comunitario que “non desen por sentado que todo o mundo é cristián” nas súas comunicacións. Dito/escrito vaia coa condescendente licenza de Vdes., “en fin, Pilarín”.

Non vén ser este, seu, cronista persoa que destaque, precisamente, nin pola súa asiduidade nas prácticas litúrxicas nin aínda pola querencia respecto dos fastos nadalianos. Non obstante, si que me veño identificar con aquela personaxe de Woody Allen –coido que aparecía en “Stardust Memories” ou acaso poida que fose en “Poderosa Afrodita”– a retrucarlle a un interlocutor que, se ben que recoñecía o seu escaso fervor diante rezos e pregarias, non deixaba por iso de celebrar todas as festividades fosen as tales xudías, católicas, protestantes... ou, chegado o caso, asemade budistas, sintoístas ou mesmo da emerxente congregación cosmolóxica: un estusiasmo que, xa postos a confesalo todo aquí e agora, me levou unha vez onde a Festa do Cordeiro –o Eid al-Adha– en terras de Fez, e aquilo si que foi unha experiencia relixiosa e non esoutra que (des)afinaba Enrique Iglesias.

“No seu día, perseguir ou prohibir as celebracións do Nadal foi causa de tumultos populares”

decoration

Por outro lado, acontece que, sequera por traxectoria profesional, algunhas nocións filolóxicas si que conservo, e de aí que poida sinalar uns cantos vocábulos e expresións sobre os cales operan procesos de lexicalización. Daquela ocorre que cando utilizo –cando utilizamos–, por exemplo, a interxención “oxalá”, de certo, e a non ser que se trate de persoas de crenza musulmá, que non estamos a pensar na verdadeira orixe do termo, e quen non vén ser outra máis que esa mesma de “sha’llah” ou “shaa Allaah” (“queira Alá”). Como coido que tampouco buscamos ofender o camarada secretario Xi Jinping ao opinarmos que certa información máis ben semella “un conto chinés”, nin temos presente así mesmo calquera comunidade de penes se relatamos que determinados coñecidos/as comúns estiveron a pasada fin de semana “de carallada.” Traducido: que se alguén me desexa nos próximos días “Bo Nadal”, “Feliz Navidad”, “Merry Chritsmas”, “Joyeux Nöel”... en nigún caso darei por sentado que o susodito ou susotida espera de min que me poña a cantar vilancicos e panxoliñas a eito e/ou que lle confirme de contando a miña asistencia á Misa do Galo na parroquia correspondente.

“Bo Nadal”, entón, ou “Boas Festas de Jol” ou “Boas Saturnais” para wiccas e/ou demais neopagáns.”Feliz consumo” para seguidores de Cortylandia. “Felices nadas” para escépticos nihilistas, inimigos do turrón. “Felices vigos” para D. Abel Caballero. “Felices todos e todas”, na estima do autor destas liñas. Aínda que, iso tamén: mamai Historia ensina ben que, tras a ruptura con Roma, algunhas das igrexas protestantes, e deica o século XIX, rexeitaron e/ou prohibiron incluso o Nadal, o que foi causa de non poucos tumultos populares. De novo traducido: de estar no lugar da Sra. Dalli, e mentres considera algunhas novas inclusións para o Portal de Belén –tal vez pastores, pastoras e mais pastores–, poñeríame a asubiar aquilo dos, felices, peixes que beben e beben e volven beber. Segundo certo coñecido de meu, ao cabo é do que se trata, non?

Compartir el artículo

stats