Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Presenza de Afonso X

Unha sorte de maldición antiga escurece a memoria de Afonso X o Sabio, de cuxo nacemento estamos a celebrar os 800 anos. Trovador monolingüe galego, e o máis prolífico do século XIII, non se ten observado demasiado entusiasmo pola súa obra poética. Se cadra, poida ter que ver algo nisto o feito de que nin Santiago Apóstolo nin os Milagres a este atribuídos aparezan nos versos do rei poeta. O seu empeño confisional propagandístico centrouse en Santa María.

Nunca o nacionalismo de aquí agradeceu debidamente o que Afonso fixo en favor do establecemento do galego como lingua xurídica administrativa do reino de Galicia. Fronte ao latín, Afonso propiciou en Galicia o uso do galego ao tempo que ignorou o leonés. En canto ás ciencias históricas producidas ao sul do Miño, é evidente a tendencia a desconsiderar a presenza de Afonso no elenco dos trovadores galego-portugueses. E aínda máis: no espírito republicano de moitos eruditos galegos percíbense sombras de desafecto polo rei de que tratamos.

"Os crentes galeguistas dos anos 60 levaron ás misas en galego espirituais negros pero esqueceron as músicas e as verbas das Cántigas de Santa María"

decoration

Certo, Afonso, rei de Galicia, e galeguista antes de a palabra estar no mundo, non formou parte da Santa Compaña dos símbolos patrios, variábel segundo os contextos ideolóxicos. Os crentes galeguistas dos anos 60 levaron ás misas en galego espirituais negros pero esqueceron as músicas e as verbas das Cántigas de Santa María. Moitos anos antes, circulara en medios educativos españois a falsa idea de que as Cántigas estaban escritas como estaban pola suprema razón de o galego ser...o verdadeiro “castelán antigo”. Este vello cronista apostaría algo a que a organización político-mercantil do chamado Xacobeo non lle concederá demasiada atención aos 800 anos do nacemento do rei Sabio e Trobador.

En realidade, este Afonso que rememoramos non precisou axuda de Santiago Matamouros para completar a conquista de Murcia, ocasión aquela na que falou máis a pólvora artilleira ca a trapisonda apostólica. Extraordinario lírico da dor, da frustración, dos efectos devastadores que produce a traizón, X. M. Álvarez Blázquez, e outros, souberon achar na queixa rachada dalgúns versos críticos de Afonso X un adianto sorprendente do Romantismo. Non me posso pagar tanto/ do canto/ das aves nen do seu son... Humildemente esta columna únese ás celebracións que conmemoran a chegada ao mundo do autor dos citados versos.

Compartir el artículo

stats