Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Clodomiro Ogando Durán

A frondosidade da árbore sinodal

No maxisterio e na linguaxe de Francisco, a palabra proceso ocupa un espazo considerable. Vida, proxecto persoal, inculturación, reflexión teolóxico-moral, non son máis que concreción do proceso a través do que imos avanzando e superando calquera tentación de fixación obxectivista e inmutable. Para el, toda experiencia eclesial é un proceso por medio do que a persoa vai tomando conciencia do que é, sente e experimenta desde a acollida persoal da semente do evanxeo.

Esta experiencia eclesial de ir avanzando paseniñamente desde a centralidade da persoa adquiriu a partires do dez deste mes de outubro unha forza e un sentido especiais. Porque ese día comezou en Roma “o camiño da sinodalidade”, unha andaina de implicación e corresponsabilidade na que somos convocadas e convocados a participar como suxeitos activos dentro da Igrexa. Unha participación que se irá desenvolvendo en todas as dioceses do mundo, para que ningunha voz deixe de ser escoitada.

Desde outubro ata abril nas dioceses do mundo a participación será a concreción dun camiño que desembocará no Sínodo de bispos que se reunirá en Roma no mes de outubro do ano 2023 para estudar e debater as propostas que irán chegando desde todos os recunchos da terra. Quere Francisco que este sexa un camiño real, no que ninguén quede á marxe, e no que as persoas que conformamos a Igrexa nos sintamos implicadas. Só así a imaxe eclesiolóxica da pirámide poderá dar paso á do berce, no que ningunha persoa é excluída e todas sentimos o acubillo do aloumiño.

Este tempo de preparación para celebración do Sínodo buscará ser un camiño de escoita, discusión e creatividade para unha Igrexa que se pon en marcha e abandona a rixidez de actitudes e comportamentos nos que só os varóns consagrados deciden e o resto limítanse a ser executores do que eles mandaron. Romper a inercia deste comportamento que na Igrexa se veu dando ata o de agora non vai ser nada doado. Ao contrario: ben seguro que aparecerán voces contestatarias e de reivindicación da nostalxia dun pasado que nin vai volver nin tampouco hoxe a Igrexa precisa para saír da irrelevancia na que o mundo postsecular a quere situar; outras voces laiaranse de que xa é tarde para este camiño. Porén, nin o desánimo nin a nostalxia devolverán a frescura do Evanxeo a unha Igrexa que ten que estar no mundo cos ollos abertos e ha ser movida pola confianza, a colaboración e o diálogo, porque o “misterio do home só se pode esclarecer no misterio do Verbo encarnadado” (GS 22), polo que sen encarnación a Igrexa perde o seu sentido e a súa razón de ser.

"Temos que poñer o corazón no evanxeo e a cabeza ao servizo dunha reflexión que supere prexuízos, rompa coas discriminacións e non teña medo a ser a voz das persoas sen voz"

decoration

Estes encontros diocesanos, que esixirán de nós un compromiso para que sexan unha experiencia sinodal –de camiño en común–, requiren unha actitude proactiva para que a participación mova a facer propostas, revisar comportamentos, abrir canles de diálogo e comunicación e non ter medo a facer preguntas aos segrares, especialmente ás mulleres –durante moito tempo consideradas de segunda categoría– e á mocidade; e creando ámbitos de escoita da voz das minorías, as persoas refuxiadas, as migrantes e demais persoas excluídas. Camiñar xuntas e xuntos pídenos destaponar os oídos, abrir moito e ben os ollos e tender a man a un mundo cada vez máis necesitado de accións cribles desde o respecto, a igualdade e a defensa da dignidade das persoas, de todas as persoas. Cantos conformamos a Igrexa temos que poñer o corazón no evanxeo e a cabeza ao servizo dunha reflexión que supere prexuízos, rompa coas discriminacións e non teña medo a ser a voz das persoas sen voz.

E isto só poderá ser posible se o debate é sincero, libre e participativo, movido pola consideración de ser Pobo de Deus maior de idade e sen medo a ter voz na Igrexa.

O documento da Comisión Teolóxica Internacional publicado o dous de marzo de dous mil dezasete sobre a sinodalidade, xunto cos materiais do Vaticano “Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión” serán os que acheguen elementos desde os que alimentar teoloxicamente os traballos nos próximos meses.

Oxalá este sexa un verdadeiro camiñar xuntas e xuntos, deixándonos guiar pola forza do Espírito Santo.

Compartir el artículo

stats