Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Apupar e castigar

Tratamos aquí da institución cultural que recibiu en Galicia os nomes de “apupada”, “abouxada”, “cornetada” (en castelán, “cencerrada”). E outros. Ocorría ao se converter a parroquia en manda de lubicáns endiañados que se asañaban con certos veciños por estes transgrediren algún principio contrario ao decoro moral. Atacábase en xauría, mormente as ligazóns de mozas con vellos, e viceversa, case sempre cos cartos mediante. Xa esgotado o costume, aínda é posíbel que hoxe amose o fuciño decadente.

No Esgos da miña mocedade asistín a unha manifestación estrepitosa do tipo que comentamos e teño ouvido relatar algunhas máis localizadas en Vigo, Pontevedra ou A Cañiza. Parece que en todas había masas abouxadoras e peleles de farrapo en poses escabrosas ao tempo que soaban cornos, cornetas e atambores de folla de lata e eran gorxeadas cántigas groseiras.

"Atacábase en xauría, mormente as ligazóns de mozas con vellos, e viceversa, case sempre cos cartos mediante"

decoration

Del Riego propuña, coma modelo dun posíbel teatro de futuro, a “Farsa de Inês Pereira” (século XVI portugués) cuxa sustancia amasa unha estoria na que burla e cornos se mesturan segundo o modelo de Bakhtín. Representaron tal auto os do Teatro Universitário de Coimbra (c. 1963) no auditorio vigués de Castrelos, e as xentes do Val de Fragoso riron cando foi preciso porque eles sabían en que consistía unha apupada, en canto o público reximental da preferencia gardaba un silencio incómodo. E Castrelos parecía unha aplicación do texto “Se eu fora autor”, por Castelao.

Claro que “Os vellos non deben de namorarse” só poden entenderse á luz da crítica impiedosa coa que as apupadas mortifican os suxeitos apupados. A sensación cruel que inquieta o espectador de “Divinas Palabras” áchase mergullada por completo no clima insán das apupadas porque a man de Valle-Inclán así o quixo. Naturalmente, o de Vilanova non se arredou universo de que tratamos e, tanto Isabel II coma seu augusto marido, aparecen ao longo dos tres volumes de que consta “El ruedo ibérico” trasteados coma monifates corcosidos axeito de apupada. Iso si: algunhas das máis feroces cántigas medievais galegas de escarño e maldicer acórdannos moito o son destemperado da apupada: “Don Bieito, home duro, / foi beijar pelo escuro / mia señor”.

RECTIFICACIÓN.- O nome do descobridor do “Entremés Galego” de que tratamos pasado venres é Julio González Montañés. A primeira reimpresión contemporánea desta peza foi feita no núm. 108 (ano 2018) da revista “A Trabe de Ouro” tendo Anxo Angueira como introdutor e transcritor.

Compartir el artículo

stats