Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Luís Seoane: cartas glosadas e soños traizoados

Non deixa de ser un certo paradoxo que Luís Seoane, recoñecido artista plástico, envorcara gran parte dos seus sentimientos, tristezas, alegrías e angustias na humildade dun medio tan íntimo como a carta, fonte esencial hoxe para reconstruír a súa vida.

O fondo epistolar de Seoane está composto tanto da súa correspondencia pasiva –máis de seiscentas cartas– como da súa correspondencia activa –arredor de mil cartas– e abrangue de 1937 a 1979, ano da súa morte.

Fun afortunado lector deste epistolario de Luís Seoane cando acompañei a Maruxa Fernández nunha minuciosa revisión das cartas coa finalidade da súa posible publicación. Procediamos sempre da mesma maneira: lectura en voz alta pola miña parte seguida dunha información minuciosa de Maruxa, que era anotada como glosa na marxe do papel. Era un proceso lento e non faltaron momentos duros e dolorosos cando eran evocadas situacións e persoas desaparecidas especialmente queridas. O resultado final desta inesperada marginalia, cartas glosadas por unha escoliasta de excepción, María Elvira Fernández, para un único lector-anotador.

As que dirixe ós Seoane son auténticas xoias do xénero; combina apaixoadamente a cultura do país que visita coa visión persoal política e social do mesmo

decoration

Esta circunstancia permítenos reconstruír situacións vividas, viaxes, proxectos e as moi diversas relacións do matrimonio, entre elas as que mantiveron coa colonia xudía da capital arxentina que conformaba unha moi singular elite cultural desplazada en gran parte de Europa por mor da segunda guerra mundial.

Un grupo significativo destes homes cultos de orixe xudía procedía das provincias de Santa Fe e Entre Ríos, como é o caso da familia Gerchunof. Os seus antepasados, de orixe eslavo –polacos e rusos nomeadamente– foran chamados polo barón de Hirsch para colonizar grandes extensións de terra nas devanditas provincias arxentinas.

Tiñan esta mesma procedencia uns íntimos amigos de Luís e Maruxa, Simón Scheimberg e a súa dona Aída. Exercía él a abogacía no Banco Israelita de Buenos Aires e era tal o seu entusiasmo pola cultura que ás sete en punto da tarde pechaba o seu despacho para ir ao teatro, asistir a conferencias, exposicións etc., deixando a máis dun cliente na porta.

Reuniu unha importante colección de obras de arte que doou, xenerosamente, antes da súa morte ao Museo Nacional. Conseguiron os Scheimberg realizar diversas viaxes a Europa das que resultaron dous interesantísimos libros (Cuadernos de viaje, Botella al Mar, 1954 con tapa de Seoane e Cartas europeas, Buenos Aires, 1963) que recollen cartas dirixidas ós seus máis íntimos amigos. Curiosamente en 1958 estando en Santiago unha súa carta será portadora da noticia da morte de Maside a quen iba visitar de parte dos Seoane.

As que dirixe ós Seoane son auténticas xoias do xénero; combina apaixoadamente a cultura do país que visita coa visión persoal política e social do mesmo. A vastísima cultura do remitente e do destinatario explican os seus puntos de coincidencia e complicidade sostida por unha sólida amizade.

Algunhas das cartas remitidas por Seoane a Simón Scheimberg desde España son desgarradoras e delatan as profundas feridas, nada doadas de curar, que produce a vida en exilio. Unha delas semella a versión epistolar de La gallina ciega de Max Aub por canto o soñado xa non coincide coa realidade presente. Como aquela que, entristecido pola indiferencia da xente, lle escribe desde Madrid un 14 de abril lembrando o entusiasmo popular da proclamación da República e do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia celebrado con fogueiras e cantos. Soños colectivos traizoados, conclúe Seoane.

*Numerario da RAG

Compartir el artículo

stats