Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Volver á Patria

Crítica da obra escrita, dirixida e interpretada por Cándido Pazó

Hai algo liminar nos termos e narracións de carácter escatolóxico. Ese punto que se atopa na beira entre o riso e o noxo e que, se a persoa que as conta sabe navegar con mestría entre esas dúas augas, resulta nun triunfo absoluto. Iso é o que Cándido Pazó consegue con Mocos, un divertimento, como el mesmo o presenta, arredor da infancia e as historias escolares que abriu a programación do auditorio municipal dentro da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, MITCFC.

Os mocos son o elemento que aglutina e serve de testemuña de todas esas historias que vai desenvolvendo e nas que tamén están presentes outros elementos relacionados con necesidades fisiolóxicas que (en principio, coido) todos temos, pero non só. Mocos vai moito máis aló diso. A narración oral é o elemento central desta proposta cuxa historia central naceu dunha anécdota que lle contara Xosé Manuel Pazos a Pazó. Nela, a partir do detonante dunha imaxe do ano pasado do patio dunha escola francesa na que, por mor da pandemia, confinaban os nenos no recreo en cadanseu cadrado debuxado no chan e a reflexión de como lembrarán eses nenos e nenas a súa nenez, desenvólvense toda unha serie de historias entrañables arredor de diferentes personaxes relacionados co ámbito escolar, ancorados noutros tempos pero que conseguen chegar a nós con frescura e tenrura.

Pazó mergúllanos nunha viaxe ao pasado, con anécdotas dun tempo que xa foi, ás veces semella que hai moito, outras que hai non tanto, e destaca especialmente a súa capacidade para traernos a todos eses personaxes ausentes e as súas pequenas historias de xogos, de enredos, de fame e de descubertas; para facelos presentes en escena e que cheguemos a velos a través do uso e do xogo destacables da súa voz e do seu corpo.

O espazo escénico está construído dun xeito sinxelo e aínda que os elementos que o conforman estean pouco explotados contribúen a apoiar e a axilizar a narración dalgúns dos episodios, ao igual que a música, que marca transicións. Porén, todo se sostería igualmente só con Pazó en escena, pola capacidade que ten de habitar o que conta e amosárnolo por si mesmo no propio espazo. Acompáñao enriba das táboas o técnico Afonso Castro, cuxa presenza pode xerar máis expectativas do que logo resulta, pero que si que contribúe a dar dinamismo á peza coas imaxes e vídeos de apoio, e que logo destaca especialmente nos pequenos momentos de interacción con Pazó en simulacros dalgunhas das escenas que se narran e tamén de xogo.

Se, como dicía Rilke e nos lembra Pazó, a infancia é a patria do ser humano, logo de tanto tempo exiliados, pezas como Mocos conseguen, por uns momentos, facernos volver á casa e lembrar o asombro das primeiras descubertas e tamén ensinanzas tan simples e á vez tan valiosas como a que nos achega o Bichín: que a felicidade é efémera e hai que vivila cando vén. Por iso cómpre rir e rir moito, que en Cangas tamén se chora de tanto rir, e niso ten bastante que ver a MITCFC e o seu xeito de encher cada ano a vila de teatro cómico e festivo, pero non por iso carente de fondura.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.