Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

O petroglifo iluminado

Inda que constitúe unha especie de voga erudita acentuar graficamente petróglifos, no mundo en que eu vivo persístese en pronunciar a palabra facendo tónica a penúltima sílaba. Estamos a tratar das insculturas prehistóricas que inzan, concentradas en determinadas zonas, o territorio que os antigos romanos chamaron Gallaecia e os antigos gregos Kallaikía (con variantes). A palabra petroglifo semella de formación recente. Tanto, que o primeiro estudoso destes grabados, Ramón Sobrino Buhigas, descoñeceu a súa actual designación ata que decidiu acuñar el tales vestixios co nome de petroglifos.

Ocorreu no ano 1935, cando sae á luz e se distribúe, de Galicia aos centros arqueolóxicos do mundo, a obra de Sobrino Corpus Petroglyphorum Gallaeciae. En principio, a hipótese que se propón é que foi Sobrino, e só el, quen acuñou a palabra. Está formada sobre o grego pétra, unida a un derivado do verbo glyphein “gravar”. Ou sexa que petroglifo significa etimoloxicamente, “gravado na pedra”.

Dos anos trinta do século XX a hoxe, a obra inaugural de Sobrino Buhigas, continuada e ampliada por Sobrino Lorenzo-Ruza, foi divulgando o coñecemento dos petroglifos en Galicia, o que favoreceu a multiplicación de descobertas de novas estacións desta arte fascinadora. Tamén o estudo dos petroglifos desde o ámbito científico creceu e afináronse as hipóteses, sempre tan difíciles de demostrar nesta materia que parece resistirse á entrega do seu universo oculto.

“Sen dúbida os nosos petróglifos estiveron iluminados en disposición cromática que só estamos autorizados a conxeturar”

decoration

O nome petroglifo presenta un parentesco evidente co adxectivo, logo substantivado, hieroglyphicus; ou sexa, xeroglífico. Esta palabra sería composta de hieros “sagro” e glyphein que xa coñecemos. Quer dicer: escrita relixiosa. Nada nos pode tirar da idea que os petroglifos galegos, en todas as formas e estilos coñecidos, son tamén xeróglifos. Formas visuais con mitos encriptados. As coviñas e as ferraduras, os círculos conectados e os labirintos, os cervos e as armas figurativas, os cadradiños, as esvásticas, as espirais ou as figuras humanas reférense a relatos relixiosos que descoñecemos. Sen dúbida os nosos petroglifos estiveron iluminados en disposición cromática que só estamos autorizados a conxeturar.

Propoño que a Pedra das Procesións dos Arruídos, Vincios, recupere experimentalmente a policromía que, coa cadea de significados, perderon os petroglifos de Galicia. Cousas así temos entendido que se ensaiaron en Finlandia.

Compartir el artículo

stats