Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Graza e Xustiza

Indulto é unha medida de graza. Consiste na anulación dunha pena dictada en sentencia xudicial. O indulto fai que o preso saia a rúa, que aquel que camiña cara o cadafalso continúe vivindo e que o desterrado poida voltar á patria. O xefe de Estado é quen decreta o indulto, pero soe ser o primeiro ministro, en representación da vontade do goberno elixido democraticamente, quen llo propón ao xefe de Estado. Parece que o presidente do Goberno español proxecta porlle a firma ao rei o texto dun indulto que poñería en libertade un conxunto de políticos independentistas cataláns presos e que permitiría que regresasen outros cataláns do exilio.

Toda a dereita española, na que inclúo á dereita do PSOE e a dereita neofranquista, está en contra desta medida. Chégase a decer que tal indulto constituiría unha usurpación, por parte do executivo, da autonomía do poder xudicial. Non é así. O acto de indultar baséase na razón de Estado. O indulto no enmenda fallo xudicial ningún, senón que suspende a execución da pena por interese público superior.

O indulto no enmenda fallo xudicial ningún, senón que suspende a execución da pena por interese público superior

decoration

A crise actual do Estado español, derivada do acontecemento independentista catalán, ten varias interpretacións e son máis de unha as solucións que se están a propoñer para o mantemento da entidade dita España. Unha, a da anulación pola forza do independentismo catalán. Outra, que é a do actual Goberno de Madrid, a da negociación, probabelmente na perspectiva dunha solución federalista. A medida de graza que porá, seguramente, en libertade os presos políticos cataláns e permitirá o regreso dos exiliados, é perfectamente lexítima. E tamén beneficiosa para o conxunto dos pobos que dependen desta monarquía.

Porque a arte de gobernar é, con frecuencia, un xogo sutil entre Graza e Xustiza. Durante o franquismo decretouse a aplicación de moitos indultos, que non foron contestados por franquista ningún. Baena e outros moitísimos, certamente non foron indultados, e perderon a vida no paredón de fusilamento ou a mans do verdugo a garrote. O asunto do indulto ten sempre que ver coa razón de Estado e debe ser examinado, en cada caso, á luz da análise de clase.

Compartir el artículo

stats