Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

De idiomas, utilidades e identidades

Hai xa uns cantos días –como, de certo, han de lembrar ben algúns/bastantes de entre os, sempre moi amables, lectores destas crónicas–, eis que o coñecido profesor e historiador Ramón Villares, respondendo a unha entrevista publicada nas páxinas deste mesmo, moi venerable, rotativo, viña significar que “os (nosos) rapaces deixan de falar galego pola connotación política que ten”: unha afirmación tan contundente como polémica (doutra parte en consonancia con outras vertidas por Villares nos últimos anos: “hai que retirar o galego do debate político”) que decontado foi motivar que, desde diversas tribunas, se levasen a cabo análises e comentarios, os máis deles en aberta discordancia coas palabras do intelectual chairego. Porén, máis aló da pura desputa, ben cargada ás veces polos posicionamentos ideolóxicos de cadaquén, a pregunta que, iso coido, cabe formularse, debería ser a seguinte: leva de veras razón Villares no que di? Ou acaso acontecerá máis ben que a pervivencia da nosa lingua en determinados ámbitos sexa consecuencia desa mesma connotación?

A ver: por que nos expresamos nun determinado idioma? Ademais, claro está, de que se trate do xeito en como nos deprenderon a falar os nosos proxenitores, semella evidente que nos comunicamos nesa lingua porque con ela amamos e desamamos; con ela establecemos relacións de agarimo –ou de inimizade– con familiares, amigos, coñecidos...; con ela levamos adiante a nosa formación; con ela desenvolvemos a nosa actividade profesional. É dicir, utilizamos un idioma porque nos permite desenvolver plenamente as nosas diferentes proxeccións vitais; porque se trata, en fin, dunha ferramenta útil que abrolla en nós con absoluta naturalidade.

Un idioma mantense por utilidade pero así mesmo por connotación identitaria

decoration

Agora ben; podo acontecer –como, de feito, acontece– que ese idioma non teña a exclusividade. É dicir, que haxa espazos, ámbitos... no territorio que habitamos, nos cales o seu emprego se volva menos habitual –e incluso realmente inhabitual– e que deixe de responder, en consecuencia, ás (ou a algunhas das) nosas perspectivas. Nesa encrucillada caben, entón, tres posibilidades: a primeira, que se produza un abandono parcial: isto é –e sempre co criterio de utilidade por diante; sexa esta consciente ou non, o resultado vén ser o mesmo– que vaiamos valernos dunha forma idiomática ou doutra de acordo coa estratexia que xulguemos máis adecuada para o noso propósito concreto. Por exemplo, podemos seguilo falando con familiares, amigos... pero, considerando que os nosos descendentes van ter mellores oportunidades empregando a outra lingua, dedicirmos educalos nela desde os primeiros momentos. A segunda, e avanzando no anterior, que se produza o abandono total e incluso a aversión, o desprezo... pola fala nativa, á que se lle imputa ser a causa de moitos -incluso os máis decisivos- dos nosos infortunios. En fin, a terceira é, malia todas as adversidades, choutar por enriba do criterio de utilidade e mantérmonos fieis á nosa herdanza lingüística: isto é, actuarmos por afectos identitarios.

E por que, agora, desexamos aprender un idioma que non é o noso? Penso que a resposta resulta asemade doada: xa simplemente por necesidade –irmos vivir en Londres, Lyon...– xa porque consideramos que se trata dunha máquina útil velaí –sen ir máis lonxe, o interese en aprender inglés– e que nos vai permitir (supostamente) acceder a un “mundo superior.”

En fin, por que un rapaz castelán-falante –calquera castelán-falante, en xeral–, nacido aquí, ou tamén un foráneo que veña vivir onde nós, habería de interesarse non só en aprender senón en expresarse habitualmente en galego? Por criterios de utilidade? A non ser que ese rapaz vaia habitar nun medio decididamente galego-falante (poñamos no mundo rural), e se habemos de ser sinceros, sucede que non resulta moi doado que digamos irmos dar con semellante conveniencia. Xa que logo, o único motivo non pode ser outro, non é outro, que de signo afectivo-ideolóxico. Para alén da simpatía e/ou militancia nunha formación política concreta, a mudanza ten lugar porque a persoa considera que o galego constitúe unha marca nacionalitaria. Deste xeito, dándolle a volta ao argumento de Villares, acontece que os rapaces castelán-falantes que se pasan ao galego fan tal cousa, precisamente, pola connotación política que o idioma ten. Gustaríame ter máis ampla noticia desoutra por parte dos meus compañeiros; porén, logo de case corenta anos exercendo a docencia nun medio predominantemente castelán-falante, penso estar en posesión dunha sólida experiencia aos efectos.

Non son quen para darlles leccións aos responsables da Normalización Lingüística. Con todo, paréceme moi difícil que calquera iniciativa, calquera programa teña sequera posibilidades de éxito sen termos en conta, como lle cómpre, eses dous factores referidos: a utilidade pero así mesmo a connotación identitaria. Fóra diso, o que se planifique –mesmo coa mellor intención– virá resultar, no mellor dos casos, pura liturxia.

Compartir el artículo

stats