Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

A leal militante

No pasamento dela, coas luces escarlata do 1º de Maio, destaca a voz da CUT cunha despedida veraz e sentida. “A pasada madrugada despedímonos de Carme Graña Penedo, infatigábel obreira da libertade, a solidariedade e a emancipación nacional”. Costureira, clandestina, exiliada polo terror e activista da conflictividade veciñal: iso, e máis. Entre as persoas da miña xeración que se incorporaron á UPG, Carmiña alén de militante leal, representa un vértice de xeoloxía moral e referencia histórica. Alí onde o observador do pasado detecte a presencia de Carmiña, estará a liña de avanzada na loita de inspiración nacional-popular galega. Ela aparece en Madrid e bate coa supervivencia de Brais Pinto. Lembrámola na época do Club de Amigos de la Unesco, en Antón Martín. Nos debates do seminario de cultura galega apoiaba as posicións de Bvautista Álvarez e Reimundo Patiño. Desde Madrid, a salvo da BPS, saíu o manifesto co que a UPG combatía a expropiación das terrras do Val do Miño en Castrelo e noutros lugares. Tamén de Madrid partiron en 1968 os milleiros de octavillas que alentaban a refundación do 25 de Xulio como Día da Patria Galega: Carmiña participou naquela resurrección. De regreso a Galicia, Carmiña non tardou en situarse nas proximidades da nova xeración que se encargou, nos setenta, da dirección dunha UPG reconstruída: falamos de Reboiras ou Pepe de Teis. Convertiuse en responsábel do obradoiro central de propaganda e axitación, nunha casa rural do Morrazo. Delatada esta base, o franquismo expropiou máquinas e bens en canto unha onda represiva facía abalar a organización. A UPG retira,entón, Carmiña a Barcelona e mans amigas a transportan a París. No exilio francés permanece até o 25 de abril en Portugal. O seu partido pídelle que se integre na célula da UPG que abrira comuna na cidade do Oporto. Nos días da Reforma ou Transición, ela regresa ao Estado Español. Primeiro a Vigo e despois á súa casa de Cangas. Carmiña non eludíu ningún conflicto teórico nin ningunha toma de posición orgánica, polo cal a achamos con Luis Soto, García Crego e outros na fundación da UPG (Liña Proletaria) e do PGP, así como, máis tarde, de Galicia Ceibe e da FPG. Estivo presente Carmiña na insurrección civil que destituiu, en Cangas, un alcalde do PSOE, no apoio ás mulleres dos mariñeiros ou no rexeitamentobvda especulación urbanística dos terreos das fábricas de Massó en Balea; isto, entre outras actividades. Ademais, Carme Gaña cantaba, ría e facía rir; axudaba e alegraba os corazóns amigos. Lembranza permanente da compañeira incansábel.

Compartir el artículo

stats