Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

As miradas de Isaac

O pasado domingo pechou “As miradas de Isaac”, a exposición instalada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura con motivo do centenario de Isaac Díaz Pardo (1920-2020). Comisariada polos seus fillos Camilo e Xosé Díaz Arias, a mostra ofrece un retrato moi revelador dunha figura tan poliédrica na creación artística e na iniciativa empresarial e política como ascética na súa forma de vida, un auténtico leonardo renacentista da cultura galega do século XX.

Concibida co espírito didáctico e documental (memorioso) que Díaz Pardo imprimía a todas as súas realizacións e seguindo o fío da peripecia vital e dos espazos polos que transitou (dende o nacemento en Compostela, o exilio e o regreso posterior de Arxentina), a exposición reconstrúe o seu pensamento de vontade exemplarizadora ao tempo que rescata fragmentos moi significativos da historia recente de Galicia por incómodos que fosen. E a pesar de non empregar os recursos dixitais da museografía actual, apenas unha tripla pantalla na que Isaac vai debullando as súas lembranzas, pensamentos e reflexións, a experiencia para a visitante é tan sorprendente e emocionante como instrutiva.

Ademais do valor extraordinario da súa obra artística, tanto a pictórica da mocidade nos difíciles anos da década dos corenta, a cerámica, gráfica e deseñística da maior parte da súa vida, como da literaria, sen esquecer nin a súa pegada industrial extraordinaria nas cerámicas do Castro, da Magdalena e de Sargadelos nin o seu modelo como editor da memoria en Ediciós do Castro e na Biblioteca do Exilio nin o seu activismo cultural á fronte do Museo Carlos Maside e o Instituto Galego da Información, probablemente Isaac deixou como herdanza máis valiosa a da súa inquebrantable posición moral, esa pegada ética que os seus fillos definen como o seu “libro de estilo para andar pola vida con decencia e afouteza” utilizado até o derradeiro salaio da súa vida. Unha forma de estar e camiñar no mundo sobria e austera, propia dos ascetas. Unha vida enteira comprometida coas ideas progresistas, antifascistas e galeguistas da xustiza social, xa dende os primeiros carteis asinados aos dezaseis anos como Xalo a prol do Estatuto no estudio do seu pai o tamén polifacético Camilo Díaz Baliño. Un combate contra a desmemoria das inmoladas e a recuperación das exiliadas, acollidas cos brazos sempre abertos, quizais a primeira causa da súa vida. Unha batalla na defensa dunha Galicia soberana dos seus recursos naturais. Unha procura de formas creadoras con capacidades identitarias, proxecto que no Laboratorio de formas (de ideas) compartiu co sempre cómplice Luís Seoane e o arquitecto Andrés Fernández Albalat.

Legado de Isaac Díaz Pardo que quedou impreso na súa obra literaria en lingua galega, até agora practicamente ignorada, na que visitou tanto a narrativa e a dramaturxia, con tres libros publicados no exilio pola editorial Citania na Arxentina durante a década de 1950, como o ensaio, o xornalismo e a poesía, eidos que por ventura comezan a ser recuperados nos últimos anos. Velaí a publicación do volume “O ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo” (Andavira 2019), no que o Xosé Ramón Fandiño recompila cincocentos daqueles artigos perennes publicados dende 1963 a 2009 como “Crónicas inconformistas” en La Voz de Galicia ou baixo outros epígrafes no FARO DE VIGO, El Progreso, El Correo Gallego e La Región. Velaí a aparición recente do libro “A mensaxe entre as sombras. Obra poética de Isaac Díaz Pardo” (Xerais 2021) en edición e estudo crítico de Esperanza Luz Mariño Davila, estudosa da súa obra literaria que reivindica a importancia e singularidade destoutra faciana artística de quen “merece, como poucos, o nome de poeta no senso etimolóxico da Grecia clásica como un ‘facedor’ ou ‘transformador do mundo”.

Unha recompilación excepcional de textos poéticos dispersos publicados por Díaz Pardo ao longo de medio século no que destacan os catro carteis de cego, “A nave espacial” (1970), “O Marqués de Sargadelos” (1970), “O crimen de Londres” (1977) e “Castelao” (1985). No entanto é o libro “Tentando construir uma esfinge de pedra” (Ediciós do Castro 2007), subtitulado de maneira significativa, “Desassosegos de Isaac Díaz Pardo”, o que pecha o seu círculo artístico, “lembrando a meu pai que me deixou o alcamote” (o martelo na xerga dos arxinas) e reflexionando moi doído sobre o paso implacable da vida cando ve destruído o seu proxecto do Grupo Sargadelos do que fora apartado da dirección e administración uns anos antes.

A figura de Isaac Díaz Pardo, de quen se escribiu é “o home máis querido da Galicia actual”, merece non ser esquecida. Quizais un futuro Día das Letras Galegas actualice para as novas xeracións a nobre causa que a pesar de tantas adversidades defendeu.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats