Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

De nós a Nós

Dirixida polos historiadores da cultura Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña Trabazo, abre ao público en Ourense a exposición “Galicia de nós a Nós”. Promovida pola Xunta de Galicia e a Diputación provincial de Ourense, o deseño expositivo débese a Álvaro Mariño, e a súa aplicación a Ourense, a Miguelanxo Carvalho. A derradeira etapa desta resurección visual mostraráse en Pontevedra. Foron varios os movementos que en Galicia levaron o nome, e levan, de Nós. Falamos do boletín que naceu en Ourense en 1920 e se interrompeu en xullo de 1936 en toda a Patria.

Non pode ser imaxinada a cultura galega do século XX sen a revista Nós. Os que acreditamos na metodoloxía de Petersen entendemos que en Nós se dan todas as notas que caracterizan as xeracións literarias e políticas da modernidade europea. As grandes figuras da Xeración Nós (Castelao, Cuevillas, Risco, Villar Ponte, Otero Pedrayo, Xoan Vicente Viqueira) son constructores da conciencia galega. O nome da revista e da xeración nada ten que ver co boletín italiano Noi que dirixiu un Julius Evola felizmente esquecido. Seguramente, os nosos de Nós que na súa prehistoria escribiron, “nosostros”, foron inspirarse a Irlanda, cuxo movemento revolucionario carimbou na historia o nome de Sinn Féin: “nós mesmos”. A revista ourensá foi tan pro republicana irlandesa que Otero Pedrayo deixou apalambrada certa tradición crítica mixiriqueira ao traducir unhas páxinas do Ulysse de Joyce ao galego. Verdade é que Risco recorreu moito ao Joyce máis humorístico na súa novelística galega. En Nós rendéronlle homenaxe nacional a Terence MacSiwyney, cando este alcalde de Cork se auto inmolou en folga de fame. Outro lume sagro que ardía na muralla de Nós era portugués. Tanto que o colaborador primeiro do número 1 da revista foi Teixeira de Pascoais. A presenza portuguesa foi a regra en canto a publicación subsistiu.

A revista Nós formara parte das Irmandades da Fala e foi perecer na segunda república. En realidade, foi o fascismo quen acabou coa revista e coa editorial do mesmo nome

decoration

A revista Nós formara parte das Irmandades da Fala e foi perecer na segunda república. En realidade, foi o fascismo quen acabou coa revista e coa editorial do mesmo nome. Ducias de persoas colaboradoras de Nós foron fusiladas, presas, perseguidas de modos diferentes ou premidas ao desterro. Na exposición de Ourense vin unha enorme espiral na parede do que fora armacén de Simeón García. O símbolo arcaico, ou materialista dialéctico expandíase formado polo conxunto das portadas que Castelao deseñara para a revista Nós. Dispostos en espiral, os debuxos de Castelao suxirían máis Nós ca nunca.

Compartir el artículo

stats