Opinión
Miguel Anxo Martín
O galego e o castelán
Estimado Sr. conselleiro de Educación, Cultura e Universidades da Xunta de Galicia:
Despois de ler as súas declaracións recollidas nos xornais do luns, 22 de febreiro, por mor do “Día Internacional da Lingua Materna”, estou de acordo con Vde. cando di que “no noso sistema educativo os idiomas non compiten entre si”. Claro que non compiten, non: hai un (castelán) que asoballa a outro (galego).
Explícollo. Fun profesor de instituto desde o curso 79/80 da materia de Física e Química, aínda que nos meus comezos tamén tiven que impartir Ciencias, Xeoloxía, Debuxo e Matemáticas, e ao remate, antes de xubilarme, Ciencias da Natureza. Cando cheguei a Verín no curso 79/80, eu cheguei “castellanohablante”, pois por educación, sendo fillo dun policía nacional madrileño e dunha mestra nacional, só escoitaba o galego entre os veciños de Mourente (Pontevedra), parroquia na que viviamos e, máis tarde, cando cheguei á Universidade onde descubrín a Castelao nas miñas lecturas e sobre todo a música que xa comezaba a facerse no noso idioma.
Como lle comentaba, cheguei a Verín falando en castelán, pero axiña me decatei de que na maioría do alumnado o idioma predominante (ollo, daquela!) era o galego, cousa que non está a acontecer nestes tempos, polo que me teñen comentado. Ante ese feito, que me petou nos miolos, fixen a miña reconversión lingüística ao galego para que me entendesen e se sentisen motivados, facendo, para elo, os cursos de Iniciación e Perfeccionamento de Lingua Galega. E dende aquela así o fixen ata a miña xubilación, a pesar de que nos últimos anos a Consellería trocou o modelo lingüístico de novo, obrigando xa a explicar a materia en castelán. En todos estes anos, sempre lles dei aos meus alumnos a opción de contestar nos exames e de facer os traballos en galego ou en castelán, pero, iso si, con coherencia, sen mesturar as dúas linguas.
Na actualidade son avó (non abuelo nin yayo) e teño un neto que, por sorte para min, pasou e pasa moito tempo a meu carón dado que seus pais, con soldos cativos e horarios de traballo con moitas horas, non poden estar con el todo o tempo. As primeiras palabras que o meu neto escoitou, e hoxe segue a escoitar, foron galegas, e cando el quería algo, comunicábao en galego. Mais velaí que tan pronto “se escolarizou”, enténdase Galiña Azul e agora infantil de 3 anos, vou notando que o galego tende a desaparecer na súa formación. Agora xa comeza a coñecer os nomes en inglés e sabe cancións novas, pero, iso si, ningunha en galego! É dicir, está castelanizándose mental e estruturalmente.
A este sistema chámalle vostede “en igualdade de condicións co castelán”? Non, non hai igualdade, e non estou de acordo en que, como vostede asegura, “teñamos unhas bases sólidas sobre as que continuar traballando para garantir o futuro da lingua”. Poderemos ter “a xeración mellor formada en galego da historia” como di vostede, pero pola miña experiencia case lle podería asegurar que tamén será, no caso de que xa non o sexa, a menos galegofalante e galego pensante do noso tempo.
- Niño Becerra enciende las alarmas: «Si vamos a peor, en verano podemos llegar a una situación Covid de paralización de la economía mundial»
- Carmen quedó parapléjica en el hospital de Ourense a los dos días de una cirugía de rodilla: «No quiero vivir así»
- Luis Zahera defrauda en A Sementeira de Corzáns
- Parte de la millonaria indemnización por la caída de una losa salió del bolsillo de los dueños del edificio
- Expulsan de un colegio de Vigo a un niño de Infantil por su agresividad
- La UCO escuchó al patrón de Villacarrillo 'recreando' el momento en que mató al temporero: 'Ven, que no te vas a enterar. Id preparando los curas
- La justicia archiva la denuncia por el caso del perro arrastrado por el Corredor do Morrazo
- Las «burras» se estrenan en redes