Chovía, ventaba.

O Sudoeste peiteaba as rúas de Cangas coma si quixera arrepañar o pobo enteiro.

Algún lóstrego iluminou a noite arrebolada.

Nesa enxurrada de vento entolecido, deixácheste ir, mentres durmías o derradeiro soño.

Sendo eu cativa, lémbrome do día que viñeches despedirte da miña nai, pois ías para América. Eras un mozo, un home moi outo e forte, ós meus ollos.

Colléchesme por debaixo dos brazos e botáchesme ás alturas, inormes para miña corta idade, para apois recollerme e rematar cunha aperta e un bico na miña infantil faciana.

Teño ese intre esculcado na miña alma de rapaza leda e agarimosa.

Unha morea de fotogramas ficaron esculcados na miña vida engadida coa túa, no mundo maravilloso da armonía que xunguiu a túa familia coa nosa; ó meu pai, contigo.

Erades dous nun soio. Primo Grande, chamábache el que fachendeaba de que con un esguello de ollada xa vos entendíades.

Falabades nun xeito de lenguaxe enchida de alusións irónicas; con xogos fonéticos na ledicia de mesturar as nosas duas lingoas, estralando en gargalladas ámbolos dous no intre mais insospeitado, testemuña da a vosa intrasferible complicidade.

As vegadas, un feixe de familiares e amigos, faciamos unas xornadas nas que o bo xantar, latricar, botar chistes e moitos cantares, eran o alicerce das nosas xuntanzas esparrexidas nas longas horas.

Herdado do teu pai, facías ouribes coas verbas na dicción perfecta do idioma; os sons ecoaban confabulados coas solfas etéreas cando escoitabamos, enfervoados, a túa conversa sempre engaiolante.

O voso avó, Antón Montes, foi quen de aparecer nas páxinas do meu libro O asubío do tempo, porque vos, o meu pai e ti, avivecíades a súa persoal figura cunha frescura perto da inmortalidade.

Es, meu querido curmán, un espello de ledicia, intelixencia e bondade no que mirarmonos nós e así, tentar acadar ó teu ser senlleiro, musicando conciliador, os nosos días.

Deixas un fondo baleiro na túa existencia no que de cando en vez, achegarémonos para voltar a sorrir. E ti, entón, estarás conosco.

Mestre, amigo, compañeiro na paz que arrecendías en cada encontro, fócheste docemente onde te estaban agardando e ti ben o sabías.

Home de paz e sabencia, disfruta da belleza do alem e mira por nós.

Noso pai que estás no ceo …..

*Autora de “O asubío do tempo”