Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Infame turba de nocturnas aves

Súpeto, estralou o acontecemento e pasmou boa parte das conciencias democráticas e ilustradas do mundo. Acirrada polo presidente dos EE UU, unha turba formada de homes e mulleres na súa maioranza de raza branca asaltou o Capitolio de Washington; ou sexa, a casa que alberga o poder lexislativo que se subdivide alí en dúas cámaras. Chegados de todo o país, esa turba, invadiu espazos simbólicos da nación norteamericana. Perto da Casa Branca que contén as ánimas dos presidentes nas estancias en penumbra. Unha das bibliotecas máis nutridas do mundo alí a está, cos escritores da literatura universal nos seus ladrairos. Entre eles, os de lingua galega que faltan nalgunhas bibliotecas da nosa terra. A lembranza de Martin Luther King sae ao encontro do viaxeiro voando sempre na compaña dos xoves manifestantes de antano contra a guerra do Vietnam. Estamos nun escenario no cal a memoria histórica non tolera lapsos.

Aquel país federal organízase en república antes que outra ningunha nación no mundo. E tamén foi o primeiro en levar á práctica e proclamar o dereito á autodeterminación dos pobos dependentes. Trump ocupouno levando alí, aos pés da efixie de Lincoln, unha reprodución das revoltas de cores e das primaveras árabes e das insurrecións contra as democracias venezolana e boliviana. O método antidemocrático e populista é aplicado, por incitación do presidente dos Estados Unidos, contra a raíz nutricia e fundadora daquel país. Nunca tal cousa se vira. Os que agoiraron o fin da Historia e un planeta dirixido polo grande capital, nunha sorte de nova felicidade social consistente na aplicación do neoliberalismo, agora calan, e deberían calar para sempre. Nós levamos sinalando, aquí e acolá, signos mostrativos de que o imperio norteamericano está tocando ao seu fin. O Reino Unido retírase da UE (obra dos EE UU). Velaquí outro síntoma da decadencia imperialista. China e Rusia son potencias vigorosas que aseguran un mundo multilateral. Agora, esa masa que ocupou a capital federal e lle faltou ao respecto aos símbolos venerados dos Estados Unidos, está amosando o verdadeiro grao de descomposición que atinxe aquela que naceu como federación republicana de estados e persoas ceibes. Adams (o que estivera en Galicia), Franklin, Jefferson, asistían no fondo dos espellos á efervescencia de rostros-pálidos, terraplanistas ignaros, negadores de todo menos da superioridade da nación aria que entraban polas fiestras e corricaban, armados e cuspindo gases tóxicos, para ocupar despachos dos eleitos do pobo.

Acórdame un verso de Góngora: “infame turba de nocturnas aves”. A estatua de Lincoln, que parece espreitar desde a altura os visitantes do Capitolio, seguirá no seu sitio vendo pasar a Historia.

Compartir el artículo

stats