Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Sahara que non cesa

Para a xente do Rif marroquino ou da Kabilia de Alxer, os habitantes do Sahara Occidental son xente bérbere, da estirpe de Massinissa, que se arabizou ao tempo de abrazar o Islam. Polo contrario en determinada interpretación, os saharauis serían descendentes de poboacións yemenís e beduínas que atravesaron o meirande deserto do mundo para só deter a súa viaxe fronte ao Atlántico onde viron o morrer do sol. Eles irían conducidos por coudeis que recordan as figuras míticas e históricas de Breogán, de Moisés, de Ermerico, de Aureliano Buendía.

España con frecuencia hostil e resentida coas súas antigas colonias, entregoulle en 1975 a posesión do Sahara Occidental á Mauritania exfrancesa e aos Marrocos ao servizo de Norteamérica. Os mauritanos retiráronse axiña desa mexunxe por causas que o neocolonialismo pode explicar. E os EE UU declararon que o reino absolutista de Marrocos estaba destinado a ocupar por dereito divino o Sahara Occidental. Produciuse a Marcha Verde. O patriotismo saharaui de esquerda neutralista, co seu Frente Polisario, abriu unha loita de liberación nacional contra Marrocos. Alxeria, como lle corresponde á tradición política do FLN, sostivo o F.Polisario e maila República Sarahui Democrática, sendo esta unha das razóns polas cales os Estados Unidos permanentemente lle complican a vida ao país natal de Camus con revoltas islamistas ou primaveras múltiples que sempre regresan como regresa a vareixa á carniza. Tendo a ONU como fonte de lexitimación, un vasto movemento solidario no mundo por un Sahara ceibe mediante referendum de control internacional.

Marrocos, alén de asoballar os bérberes do Rif e outros lugares, humilda estes fillos do deserto que falan dialecto árabe hassanía e que adoran crer que os panos coloridos das súas mulleres son parte da cultura yemení. O sultán da confederación cherifiana (así se poden chamar rei e reino marroquino) non fan caso, apoiados polos Estados Unidos de xeito estratéxico e permanente.

1200 Kilómetros de muro (vergoñento) isolan no Sahara Occidental os emprazamentos máis ricos en mineral, alén de protexer fondos marinos ricaces que contrastan coa infertilidade da terra inhóspita pero amada á morte polos seus fillos infelices. Nos campos de refuxiados de Tindouf e so a protección de Alxeria e do seu réxime laico e socialista, sobreviven os saharauis autoorganizados e a súa República Democrática. Unha semellanza torva aprézase entre as situacións do Sahara Occidental e dos territorios palestinos ocupados por Israel.

Compartir el artículo

stats