O xoves asistimos no Teatro Principal da Estrada á preestrea do monólogo Os males que produce o tabaco, todo un clásico do dramaturgo Antón Chéjov. E todo un referente, tamén, na carreira dramática do actor estradense que principiou meténdose no papel de Niujin alá por maio de 2006, baixo a dirección de Anabel Gago e arestora faino dirixido por Santiago Cortegoso.

Durante preto de quince anos, aí é nada, Gonzalo Valcárcel, co amparo da Escola Municipal de Teatro dirixida por Xosé Lueiro, “popularizaron o elitismo” que diría o meu admirado Francisco Pillado Maior.

Popularizaron o teatro dese creador nado na pequena cidade de Taganrog, no mar de Azov, dese médico, xenial escritor, que sempre se moveu moi ben nas distancias curtas, que sostiña que a medicina era a súa esposa fiel entrementres que a literatura, tan só, a súa amante.

A representación, como ten ocorrido noutras ocasións, resultou todo un éxito. E como sempre houbo risos e gargalladas, mesturados con facianas de reflexión, contrariedade, sorpresa, emoción.

Estamos certos de que Chéjov ficaría moi orgulloso de ver a marabillosa intervención de Cortegoso no seu texto (acrecentando aínda máis o valor da obra, sen deturpar o espírito da mesma). De escoitar aos músicos, sublimes. De ver o cartaz deseñado por Sara Valcárcel (que vén de ilustrar a versión inglesa de Chamádeme Simbad de Francisco Castro). Dunha mise en scène xenial.

Mais, por riba de todo, o escritor ruso ficaría orgulloso, como o estamos todos, da actuación maxistral dun excelente actor que foi quen de agarimar, unha vez máis, os nosos corazóns baixo o ceo da Estrada da Vida. Mil parabéns!

*Xosé Luna é mestre e escritor veciño da Estrada.