Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Pongamos que hablo de Madrid

Como queira que o autor destas liñas ten nesa capital -e tamén noutros lugares da comunidade- vellos, e benqueridos, amigos e familiares, quixera dar inicio ás presentes liñas cun "aviso para navegantes": tan só os imbélices e escuros (parafraseando o noso Bardo), apenas aqueles ofuscados polo odio que espallan políticos ruíns e/ou os seguidores fanáticos de determinados "líderes de opinión", personaxes mediáticos noxentos, poden frotar as mans diante dos infortunios que están a sufrir na hora presente madrileños e madrileñas. Porque, tal e como acontece con esoutras que aflixen a aragoneses, cataláns, vascos, murcianos..., as súas desgrazas veñen ser as nosas propias desgrazas. Aclarado o cal, avante e de bolina.

Verán Vdes: hai xa tempo dabondo que un amigo latinoamericano (el prefire, porén, a forma máis tradicional, "hispanoamericano"), nada sospeitoso de querenzas bolxeviques, me foi alertar arredor da pretendida "singularidade" que circula polos Madriles ou, para sermos máis exactos, por unha parte deses pagos. "Chico -explicoume, e traduzo desde o seu román paladino para o noso-, eu podo entender que haxa madrileños que non se entendan cos cataláns pola "vaina esa" da independencia. E tamén podo comprender que teñan os seus máis e os seus menos cos vascos. Pero é que tampouco lles valen, lles valemos (cómpre sinalar que meu amigo está moi orgulloso das súas orixes), os galegos! E nin sequera consideran os asturianos, os aragoneses, os de Cantabria ou a xente de Canarias! E sabes por que? Pois porque, para semellante xente tan só eles, e malamente os de Valladolid ou Toledo, resultan ser verdadeiramente españois de primeira clase! O resto somos... como é que lle din? Ah, si!: o resto somos "de provincias"! Chico! Nin que eles devisen curmáns ou sobriños da mesma Virxe!"

De certo, este cronista descoñece cales veñen ser as orixes, os lazos familiares dos actuais dirixentes dos Madriles. Alén diso, e como diría aquel deputado da (primeira) Restauración borbónica: "Señores deputados, fagan o favor de respectar Vdes. a sagrada intimidade do fogar de Dna. María Santísima". Non obstante, e apenas observando determinadas actitudes, a profusión de "desplantes toreros", o contoneo dos nardos "apoyaos en la cadera" e mais a querencia polo "para chulo, chulo, mi pirulo! (ou a parte da anatomía que corresponda en cada caso), a descomunal epifanía das mil e unha, estériles, bandeiras... si que dá a sensación de que hai quen se considera a si mesmo -e/ou a si mesma- absolutamente divino/a de la muerte.En fin, que tan só lles falta pedirnos ao resto dos provincianos pailarocos que lles vaiamos adornar con caraveis a Gran Vía e que lles paguemos "un agasajo postinero" en Chicote. O que se di -ou que se canta/baila- todo un chotis, toda unha verbena megaguay. E todo iso, gran lección de xeografía, porque España está en Madrid, Madrid e España/España e Madrid son, hala Madrid, noble y bélico adalid e desde a Cibeles cara ao ceo. Os demais? Os demais, tararí que te vi!

A ver: hai unha escena en "Tiburón", o célebre film do gran Steven Spielberg -e estou certo de que, con certeza, todos Vdes. han de lembrala ben-, na cal, e logo de que o monstro (malia a presenza constante de socorristas, patrulleiras, vixiantes armados... toda a parafernalia made in Usa) se dea todo un banquete nas augas dun areal ateigado de aterrorizados bañistas, o alcalde de Amity Island aínda é capaz de especular respecto da posibilidade de salvar a temporada de verán e continuar atraendo os turistas. "Non hai máis verán este ano en Amity, Larry,a temporada de praias rematou!", espétalle finalmente o xefe de policía Roy Scheider/Martin Brody ao moi atribulado político.

Ignoro qué cren que poden salvar ou non salvar nas ribeiras do Manzanares. Mais en calquera caso deberían recordar que matinen o que matinen, subleven mesmo o que subleven.... a xeografía -a xeografía auténtica, iso si- non mente: e é que, como moi ben explicaban xa The Refrescos a fins dos 80 do pasado século: "... al llegar agosto, ¡vaya, vaya!!/ ¡Aquí no hay playa!" Non; non a hai; non pode habela, ademais, mentres estoutro monstro ande ceibo e continúe e continúe a infectar as augas. Se a Sra. Ayuso -e tutti quanti- tivesen memoria da película, deberían tomar nota daquilo que, outra vez, significaba Roy Scheider/Martin Brody: e non sería mellor axeitarmos entre todos un barco grande e sólido e liquidar de vez o bicho?

Compartir el artículo

stats