Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xiao Roel connosco

Viña dunha familia de impresores que fabricaron na Coruña algúns libros imprescindibeis da cultura galega. Unha puga desta castimonia veu enxertarse en Vigo. Así, nesta cidade naceu Xiao Roel, quen cursou filoloxía clásica en Compostela compatibilizando os programas oficiais cun arroiar intelectual libérrimo. Estudou, en por si os grecolatinos, especialmente os poetas. Entre eles, preferiu Ovidio e, de Ovidio, As Metamorfoses, e delas, "O Lycaon" no cal o Desterrrado evoca o mito do Lobishome. E imita, en laringais profundas e atormentadas, o intre no que o home perde as falas humanas e produce gargarismos e gurgullares brutais xa de lobo.

Un respecto profundo pola doctrina científica foi sempre en Xiao Roel do brazo dun libre escoller camiño e método. E, xa completado coma mestre, el foi dar no corpo vedraio dos catedráticos de lingua latina en Institutos de Ensino Medio. Desde moi novo, Xiao, que naceu nos anos cincuenta do século pasado, quixo ser poeta en lingua galega. Esforzouse en coñecer esta e mergullouse na súa historia. O que nos leva a lembrar a ceibeza con que Xiao se movía nas augas mestas da lingüística indoeuropea.

Como poeta, alén de inxentes cantidades de inéditos que deberán ser difundidos conforme é debido, é memorábel un seu canto titulado Ortegal, que é homenaxe profunda ao Noroeste combatido polo Atlántico no que Galicia parece tenderlle a man ás graníticas illas de Bretaña e de Irlanda así como á Bretaña continental.

Filólogo sempre, o catálogo das súas preocupacións de tempada era inabarcábel e derivaba sen cesar. Un día descubría os Árcades do XVIII e se convertía nunha autoridade neste capítulo da historia literaria do País veciño e, noutra marea, ficaba alampado pola potencia dos poetas neogregos contemporáneos de C.E. Ferreiro e Álvaro Cunqueiro e traducía Odisseus Elytis ao galego.

Fascinouno a escola italiana da "continuidade prehistórica" e converteuse nun dos apóstolos galegos daquela tendencia que chegou a considerar feixista a interpretación das linguas indoeuropeas desde un Fogar Primitivo. Porque, Xiao Roel era un anarquista ou comunista libertario mesmo cunha lealdade á lingua galega que lle durou até o derradeiro latexo do corazón. E defendeu na vida a condición nacional de Galicia.

Eu agora vou intentar nestas mesmas páxinas e en días vindeiros unha etimoloxía do nome deste Vigo no que Xiao Roel veu ao mundo. Intentareino na súa memoria. Séxalle leva a terra ao vello amigo. Se queredes conseguir o borrego da súa poesía editada, debedes pasar o mar viñoso da Trabe de Ouro para dar con el. Apertas a Carme.

Compartir el artículo

stats