Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A rehabilitación do patrimonio na contorna da igrexa de Lalín de Arriba

Comezou o verán pasado cunha excavación que proporcionou bastante información que aínda non coñecemos ao estar pendentes das memorias da intervención arqueolóxica

Lalín, ata hai ben pouco tempo, adicouse impasivamente a destruir o seu patrimonio arqueolóxico e esta vila, que estivera formada por dous núcleos poboacionais de orixe medieval, un de tipo relixioso, cun importante mosteiro dúplice (monxes e monxas en dous edificios e cun templo que, seguramente, os separaba) e outo de caracter nobiliario cun castelo e unha torre, no Regueiriño ou Barrio de Abaixo. Entre estes dous núcleos históricos había unha calzada, un camiño co chan lastrado de laxes de "pedra negra" (anfibolitas). As anfibolitas son o material xeolóxico máis repesentativo desta Vila, que na época medieval tiña dous importantes afloramentos desta rocha (penedais): o de Pena Toares (arrasado na década dos anos 50-60) e o do actual parque de Loriga.

E todo iso desfíxose. Primeiro destrueuse o mosteiro co templo e no seu lugar levántouse unha igrexa románica, que é a que se conserva na actualidade por sorte case divina. Logo desfíxose a "torre" e chimpouse o histórico carballo, o carballo da mateiga que proporcionaba sombra nas feiras de Lalín, para poñer unha igrexa no seu lugar e, máis tarde, o monumento ao aviador Loriga. Finalmente, na década dos 80, arrasouse a calzada para poñer asfalto no seu lugar e construir edificios aos lados. Así que o único que nos quedou da Idade Media, nun pobo de orixe medieval, foi tan só o seu templo románico, que, segundo consta nunha inscrición absidal data do 1485.

Pois, fronte a todo iso, estamos diante duns traballos de rehabilitación que empezaron moi ben no verán do ano pasado, cunha escavación arqueolóxica nos arredores da igrexa, que proporcinou abundante información, unha información que aínda non coñecemos ao completo, porque estamos pendentes de ver as memorias da intervención arqueolóxica con analises de laboratorio. A rehabilitación que se levará a cabo, de descoñecemento xeral, deberá, segundo os obxectivos fixados, recuperar, humanizar e revalorizar todo ese conxunto monumental pero, tamén, é preciso que contribúa a resolver algunhas dúbidas que deixou pendentes a intervención arqueolóxica efectuada e favorecer as condicións de conservación da propia igrexa, que presenta a parede lateral Sur, moi abombada cara o exterior. Unha intervención con mal drenaxe pode ocasionar problemas de humidade nas paredes da igrexa e iso contribuiría a empeorar a súa estabilidade.

Na zona exterior do ábside, cando se realizou a intervención arqueolóxica, foron localizadas varias sepulturas que continuaban cara a cimentación do templo e debería ser de vital importancia determinar se continúan por debaixo do mesmo, se este as secciona ou se son "foxas de enterramento exteriores", é decir, feitas unha vez que a igrexa xa estaba construída. Nos dous primeiros casos estaríamos ante enterramentos anteriores á construción do templo, é decir, serían da época de actividade do mosteiro que houbo nese lugar.

En consecuencia, o que se espera dos traballos de rehabilitación da contorna do templo de Lalín de Arriba, non é só unha mellora estética, pensada para dar a benvida a uns hipotéticos peregrinos que poden chegar a Lalín seguindo o "Camiño de Inverno", un camiño en desuso total, senón contribuir ao coñecemento histórico do noso pasado, algo do que se ten renunciado ata fai ben poucos anos.

*Xeógrafo de Lalín

Compartir el artículo

stats