Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Persistencia das Letras

No ano 1863, cando faltaba un lustro para a explosión da Gloriosa, a Porta do Sol de Vigo ficaba unida por unha estrada de sólido firme coa Puerta del Sol de Madrid. A ligazón con Tui e Valença estaba lista para unha ponte internacional férrea mentres as locomotoras se preparaban para alegrar cos seus chifros as pesqueiras do Miño que un día haberían ir no canto de Xoán Rubia. Vigo alancaba avante.

O movemento constituído arredor da imprenta Compañel e dos Chao era potente e recibía o concurso de Murguía e Rosalía de Castro. Así, en 1863, imprimiuse na rúa Real da Cidade da Oliveira (hai discrepancia de localización), na de Compañel, un libro imprescindíbel de literatura nosa, "Cantares Gallegos" do que era autora unha Rosalía de vinteseis anos de idade. Cen despois desta primeira edición dos "Cantares", Fancisco Fernández del Riego calcorraba por Navia, ou por Samil, e andaba a remoer un proxecto político e non menos cultural, coma todos os seus. De regreso á Fontaíña, Coruxo, Del Riego xa dera coa fórmula en que cismaba. Era preciso converter cada 17 de maio, data na que Rosalía asinara a dedicatoria dos "Cantares", no Día das Letras Galegas, que se había celebrar en memoria dunha autoridade literaria diferente en cada ocasión. O Día tería que ser proclamado pola Academia Galega, e non había moito que Del Riego fixera o ingreso nesta institución. Contactou o noso escritor cos académicos afíns Gómez Román, arquitecto vigués, e Ferro Couselo, historiador en Ourense, e, estes, cadraron conformes e asinaron a moción. Esta foi estimulada por Sebastián Martínez Risco, presidente da RAG. Así que o 17 de maio de 1963 triunfou, e para sempre, o Día das Letras Galegas en toda Galicia e, nesta primeira vez, en honor monográfico de Rosalía de Castro. Desde 1963 a hoxe, o Día non fixo senón medrar en forza, en ousadía, en emoción e en apoios sociais. A proba de resistencia do Día das Letras tivo como escenario o confinamento e as restricións comúns neste tempo de dificultades. O Día aturou a aflición e mostrou a súa necesariedade.

Anxo Angueira fíxonos observantes de que, no meo da pandemia, as Letras Galegas non deixaron de ser convocadas e celebradas. Chamamos a atención sobre certo acontecemento. Un barco volanteiro de tipo tradicional, o Piueiro, izou en Baiona a súa vela coa face de Rosalía pintada xunto cun rótulo que reza nos seguintes termos: eu son libre. Coido que o navío fixo a rota pola costa de Oia deica á Guarda e o Camposancos de onde procedía tamén aquel Constantino Candeira no que Manuel Antonio se formara como agregado a oficial dos motoveleiros famosos da cabotaxe galega. Veleiquí que unha embarcación autóctona rompeu o bloqueo que a praga lle botara ao Día das Letras e puxo a imaxe de Rosalía ao alcance de todos os ventos.

Compartir el artículo

stats