Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

A Comandancia da Garda Civil non obedeceu a orde de entregar as armas

Cando Madrid mudou de posición xa era demasiado tarde. Dende a Comandancia da Garda Civil non se obedeceu a orde de entregar as armas incautadas dende meses atrás e outro tanto aconteceu coas que se atopaban en Comisaría: o tenente de Enxeñeiros Marcial García Barros e o xefe da Garda Municipal, Heliodoro Feijóo Costela acudiron onde o comisario Facundo Valias Valls e solicitaron que lle fosen entregados seiscentos cartuchos de diverso calibre e un listado coas armas depositadas na Comisaría, pero este decidiu repartilas entre os funcionarios co pretexto de que eran mellores das que eles dispuñan, polo que só quedaron no edificio catro pistolas pequenas que nunca chegarían a ser reclamadas novamente. Acusouse a M. Suárez de ser quen, dende Goberno Civil, deu directamente a orde de entrega das municións a H. Feijóo sen intervención do seu titular para que fosen distribuídas entre os axentes municipais. Paralelamente, Martín March, cumprindo escrupulosamente as ordes do subsecretario de Gobernación, ordenou entregar de licenzas de armas gratuítas sen observar as formalidades de rigor a elementos de probada lealdade para que actuasen como gardas cívicas e contribuísen ao mantemento da orde.

Ó ter coñecemento da declaración do estado de guerra, M. Suárez acudiu á Comandancia Militar para presentar a súa renuncia como alcalde, pero o seu titular, Luis Soto Rodríguez, non lla aceptou e ordenoulle que, segundo dispuña o bando, continuase no seu posto e convocase unha sesión do concello. Nas dúas xornadas seguintes despachou con el en varias ocasións ata que, o día 23, oficialmente por unha leve indisposición do tenente coronel, o comandante José Ceano Vivas ordenou a destitución do concello en pleno. Unha noite anterior, xa acudiran a buscalo ao seu domicilio tres individuos armados que, porén, non conseguiron que o sereno lles franquease o paso. Daquela, Suárez Castro, sabéndose ameazado, agochouse sen que as autoridades conseguisen dar con el durante algo máis de seis meses e medio.

Pola contra, Basilio Álvarez formou parte do nutrido grupo de esquerdistas que se xuntaron pola tarde na Valenzá para discutir a estratexia a seguir diante da sublevación. Segundo parece, nesta reunión nomeáronse varios comités para actuar en cooperación co Goberno, sendo elixidos para encabezalos Benigno Álvarez, R. Fuentes Canal, Luis Acuña Nóvoa, Patricio Arce Susilla, Antonio Taboada e o deputado comunista por Bilbao, Leandro Carro. Seguidamente tentaron contactar cos grupos que, de xeito máis ou menos espontáneo, se concentraran en diversos puntos nos arredores da capital ourensá, caso de Cabeza de Vaca, Rairo e A Cuña (Mariñamansa). Neste derradeiro lugar, na casa do empregado da Eléctrica Ourensá José Pérez Gómez, permaneceron agachados varios deles, entre eles o propio B. Álvarez, escoitando o desenvolvemento dos acontecementos a través de Radio Madrid. O dirixente comunista participou na recruta de efectivos polas aldeas dos arredores e mesmo semella que figurou entre os integrantes do grupo que foi dispersado por unha escuadra de Falanxe que operou na zona comprendida entre O Polvorín e A Farixa.

Daquela comezou un longo periplo por diversas aldeas dos arredores ata acabar por ser localizado a principios do mes de agosto nas proximidades da aldea de Montederramo con Ramón Fuentes Canal, Luis Acuña e, probablemente, Leandro Carro. O dirixente das Xuventudes Socialistas foi o único que caeu en mans das forzas da orde, pois o resto conseguiu fuxir. B. Álvarez continuou as súas idas e voltas polos lugares máis diversos atopando a solidariedade de numerosos campesiños: máis de un foi fusilado por proporcionarlle agocho, caso de Hidio Fernández Ribada e de Ramón Vázquez Docampo, aos que visitara a finais de setembro ou principios de outubro. S. Álvarez, e con el C. Fernández Santander e S. Prol, aseguran que estivo refuxiado nun castelo dos Ulloa ata o mes de xaneiro de 1937 en que decidiu botarse ao monte pola zona de Montederramo para organizar a loita guerrilleira, aínda que a documentación escrita non avala ningún destes extremos.

Mentres isto acontece, a maquinaria represiva dos sublevados comeza a traballar arreo. Na causa incoada contra o gobernador civil aparece por primeira vez citado o nome de M. Suárez: o 17 de agosto Martín March declara que o alcalde proporcionoulle unha listaxe cuns nomes de persoas de confianza ás que expedir licenzas provisorias de armas pero, curiosamente, cando cinco días máis tarde o auditor de guerra ordena a formación de causa separada contra algúns dos máis caracterizados esquerdistas que acudiran á sé do Goberno, non inclúe o nome do ex alcalde. Porén, o 18 de setembro de 1936, na declaración prestada diante do xuíz militar polo delegado de Traballo da Fronte Popular, Eduardo París Villar, co gallo do sumarísimo nº 598/1936, apareceu novamente o seu nome. Este último, presidente municipal de IR, aludiu a que o gobernador civil e mailo ex alcalde entregáranlle dúas listaxes cos nomes das persoas ás que se lle debía proporcionar unha licenza para uso armas a noite anterior á declaración do estado de guerra. Algo máis de dous meses despois, ao ser interrogado no devandito sumario, o xornalista e locutor de "Radio Puga" Alfonso Vecino Moretón citou o nome de Suárez entre os que se atopaban no Goberno Civil na noite do 19 de xullo. Non foi preciso nada máis para que o xuíz militar eventual, Ramón Ulloa Sotelo, decretase o 11 de decembro o seu procesamento por ser " uno de los que acompañaron al ex Gobernador Civil de esta provincia (...) en las noches anteriores a la declaración del Estado de Guerra, alentándole en su oposición al Movimiento Nacional y cooperando con él a tal fín (sic), llegando a hacer una lista de elementos de izquierda a quienes se había de dar licencia para uso de armas (...)" . O día 16 o Boletín Oficial da Provincia de Ourense publicaba unha requisitoria na que se ordenaba a presentación de M. Suárez e tres días despois era declarado rebelde.

O 23 de decembro de 1936, o inspector xefe da Policía emitía un breve informe de conduta dos nosos protagonistas. De Benigno Álvarez salientaba o seu carácter de "comunista muy significado, habiéndose distinguido mucho como propagandista, dando mítines y conferencias lo mismo en esta capital que en los pueblos de la provincia"; asemade, subliñaba a súa activa participación na organización de folgas e a súa gran influencia sobre as masas obreiras. Do ex alcalde, máis aló dos datos sobre a súa militancia e sobre a súa notable influencia, insistíase en que contribuía ao sostemento da Escola Laica Neutral, engadindo que " Por sus ideas izquierdistas y por ser gran propagandista de las mismas y por considerársele peligroso para la sociedad, en octubre del año 1934 fue desterrado de esta Capital". Aínda máis xenreira destilaba o informe de Garda Civil: a este último cualificábao de "destacado socialista y acérrimo propagandista de tal ideal así como del nefasto Frente Popular. (...) Fue también Administrador del Hospital Civil de esta Plaza donde dió (sic) a conocer sus ideales de extremista al quitarles ciertos beneficios que tenían las hermanas de la Caridad y aunque no aconsejó a las masas que acudiesen a la violencia para la implantación del comunismo, se le considera peligroso por sus constantes propagandas en favor del régimen soviético". Pola contra, do dirixente comunista afirmaba que "constantemente se dedicaba a excitar a las masas a que cometieran actos violentos para la implantación de su programa"; ao mesmo tempo, facíase eco dos múltiples rumores que tempo atrás viñan circulando sobre o PCE de Ourense: o financiamento que recibía dun misterioso "comité rojo que funcionaba en Barcelona". Finalmente, aludíase ao seu intento de recrutar homes nas horas inmediatas á sublevación cos que permanecera á expectativa durante dous días nas inmediacións da capital "con el fin de atacar a las fuerzas del Ejército, no llegando a efectuarlo por causas que se ignoran" .

O 16 de febreiro de 1937, exactamente un ano despois da celebración dos comicios que deron a vitoria á Fronte Popular, o inspector xefe da Comisaría de Investigación e Vixilancia de Ourense comunicaba ao gobernador militar que M. Suárez fora detido e posto a disposición do Xulgado Militar. Segundo o informe, atopábase agochado nun caixón de dobre fondo no seu domicilio no que se gardaban as piñas para o lume e que xa fora rexistrado en varias ocasións con anterioridade sen resultado algún. O 22 de febreiro de 1937 Manuel Suárez recoñecía na súa declaración diante do instrutor que xa o día 18 de xullo acudira ao Goberno Civil e tivera noticias do inicio da sublevación en Marrocos e Sevilla, pero negou que incitase ao gobernador a organizar a resistencia e que entregase listaxe algunha para que se expedise licenza de armas a elementos de esquerda, "toda vez que el declarante no pertenecía a esas masas revolucionarias, sino que pertenecía al partido socialista, y su deseo era el de no armar a personas del Frente Popular, con el fin de evitar cualquier altercado"; insistiu, asemade, en que fora o propio comandante militar quen, como apuntamos, lle pedira que continuase no cargo de alcalde pola absoluta confianza que lle tiña, "habiendo además convocado a una Sesión en el Ayuntamiento, por indicación del propio Don Luis Soto". Tres días despois, o auditor de guerra elevaba a plenario a causa e ordenaba a acumulación da peza separada ao sumarísimo principal co fin de que a vista se celebrase no mesmo consello de guerra. Vintecatro horas máis tarde, o fiscal reproducía os mesmos argumentos empregados polo instrutor no auto de procesamento e cualificaba os feitos dun delito de rebelión militar definido no art. 237 do Código de Xustiza Militar coa agravante de perversidade "por su significada actuación y por la transcendencia que tuvieron los sucesos revolucionarios".

As "garantías" que para os acusados ofrecían este tipo de procesos póñense en evidencia mesmo no trámite de designación de defensor: o secretario do proceso acudía á prisión na que se atopaban recluídos e puña diante dos seus ollos unhas listaxes cos oficiais libres de servizo -a inmensa maioría deles leigos en Dereito- entre os cales debían escoller a un que os representase. No caso de Manuel Suárez, por riba, este trámite alongouse ata extenuación: o 1 de marzo nomeou ao capitán Amable Cerviño Prieto que, vintecatro horas máis tarde, renunciou por incompatibilidade coa defensa de Eduardo París; ese mesmo día 2 asinou un folio en branco no que non aparecía nome algún e que máis tarde foi cuberto co do tenente coronel Manuel Quiroga Macia.

(*)Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats