Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Un plan (case) oculto

Como el mesmo declarou urbi et orbi -por máis que, segundo os seus contrincantes, o presidente do goberno das Españas mente incluso cando afirma e reafirma a verdade-, Pedro Sánchez, tal que Deus pai (ou, mellor dito, tal que aquelas dúas señoras, testemuñas de Xehová, que foron petar unha vez na porta dos Siniestro Total: "Dios tiene un plan para mí/un plan para ti,/un plan para los dos") tiña/ten, un propósito: algo co que viña contar así mesmo -co ditoso plano, vaia- Paco Martínez Soria/o avó Leandro Cano, dirixido cinematograficamente por Pedro Lazaga, por volta de 1973. Un deseño que obraba aínda nos devezos de Greta Gerwig/Maggie Hardin, dirixida á súa vez na gran pantalla por Rebecca Miller, en 2015. Pero estamos a falar/escribir sempre, claro é, dun plan A. Porque, se do que se trata é dunha posibilidade de tipo B, tal oferta apenas foi xurdir na fermosa cabeza de Jennifer López/Zoe logo de que coñecese a Alex O´Loughlin/Stan cando ambos tentaban abordar o mesmo taxi na primavera do 2010. Iso si: da man de Alan Poul, deviron felices e comeron perdices.

Pois ben; se decidido queda que non hai plan B para Sánchez e mais os seus, cal resulta ser, daquela, esoutra opción que nos vén propoñer, gravata negra ad hoc, D. Pablo Casado Blanco? -e reitero: o Sr. Casado, que non o conxunto da formación que (aínda) lidera. Acaso, e por continuarmos coas referencias cinéfilas, ten xa en mente -cal Clive Owen/Dalton Russell no 2006- unha perfecta estratexia oculta?

Desde logo, e en todo caso, os que si están en posesión agora mesmo dun programa absolutamente nítido e transparente, eses veñen ser os seguidores -e eles mesmos, nin que dicir ten- do Sr. Abascal. En realidade, o proxecto resulta ser ese mesmo, impudicamente sinxelo, que defenden os terraplanistas, antivacinas, partidarios da parapsicoloxía, devotos de Jiménez Losantos e Arcadi Espada, confrades do Palmar de Troya (tamén o promocionan, même malgré eux, esoutros entusiastas de D. Quim Torra, en pelegrinaxe lírica cara ao Walhalla, o Edén, os Sete Ceos independentes e independentistas): isto é, entraren todos eles directos "al trapo" e embestiren de frente: "¡Santiago -nunca mellor dito- y cierra España! ¡Virus (virus rojos, desde logo) al paredón!"

Con certeza, trátase dunha escolla directa pero talvez un "pelín" radical. Xa que logo, antes que para os tales, o Sr. Casado si devén todo ollos e orellas para esoutros editorialistas -así dos Madriles asemade como máis próximos a nós-, autoproclamados creadores de opinión, tertulianos e columnistas de postín/postineo, algún que outro profesor de dereito (debe almorzar vinagre cada día, o ghicho) que só parece desfrutar coa lei de Lynch..., en fin, mariachis, chirigotas, murgas, charangas, fanfarrias e corifeos varios, convencidísimos que o común dos mortais lles debemos algo así como un débito, á vez, de carácter material, espiritual e sexual; en fin, o que se di/escribe unha verdadeira romaría (e/ou aquelarre cañi). Entón, na estima dos mesmos, e considerando arreo como único obxectivo irrenunciable a caída de Sánchez e os seus aliados "bolivarianos", a mellor fórmula, a destreza, estrataxema a seguir non vén ser outra maís que esa mesma de teimar e teimar, turrar e turrar, e se ti dis "campo", eu digo "praia"; onde pos "fútbol", eu poño "touros"; se tomas "viño", eu bebo "auga"; "nuestro amor es un fracaso, no podemos entendernos", Manolo Escobar mediante.

Funcionará, ao cabo, o tal plano? "Certo é que o poder desgasta, pero máis desgasta aínda a continua oposición ao poder", advertiunos ben, no seu día, o meigo Giuilo Andreotti. Non sei vostedes -sempre moi amables lectores-, mais este modesto cronista teme aínda que, atendendo si ou tamén, aos cantos de serea mediáticos, vaian D. Pablo Casado e mais as súas hoste por bateren cos duros penedos da costa esgrevia. Coñecido é que os futurólogos, augures, videntes e profetas diversos acaban sendo célebres polos seus erros; así e todo, xa postos na conspiranoia, o autor destas liñas coida mesmo que non devén improbable que a verdadeira finalidade -antes que entraren nas estancias do "Manhattan Trust Bank"- consista niso mesmo: en "matar" a Sánchez, "matando" na "batalla",a o tempo, o seu propio "matador"; liquidar dous "pombos" cun único tiro. Ou traducido para o (noso) román paladino: deixaren así o camiño expedito para que un novo líder -moderado e impoluto e situado para alén dos "excesos" á esquerda e á dereita- se poida ocupar da España post-Covid19 e (re)conducila polos camiños do ben. Sen dúbida este si que si sería un magnífico plan (case) oculto. En fin; posto no lugar do Sr. Casado, acaso non votaría eu o estado de alarma. Pero si que estaría alarmado!

Compartir el artículo

stats