Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Un poquito de por favor

Desde logo, este cronista está ben lonxe de propoñerse a si mesmo como exemplo de ardoroso patriota. Doutra parte, tampoco é que veña destacar no tocante a cumprir con preceptos relixiosos. Agora ben, o meu documento de identidade é español e, home, algo de cristianismo si que papei sequera fose no entorno afectivo de tías e avoas. Xa que logo, non é que a cousa vaia de tentar protexer a (indi)xestión do actual goberno das Españas: os seus pecados resultan ben coñecidos e, sen dúbida, terá que facer cumprida penitencia por causa deles (en compañía, iso tamén, dos representantes da moi "leal" oposición). Non obstante, xa postos a dirxirnos ás Alturas, algo que tamén cabe para os bos agnósticos e ateos, acontece que, no remate de contas e a pouco que reflexionemos, rezar polo éxito do señor Sánchez e mais os seus -e tamén por D.Pablo Casado e compañía, claro é; decidan vostedes por quen prendemos a vela máis longa- vén resultar, na hora presente, rezarmos asemade por nós mesmos. En fin, así están as cousas, aínda que escrito está que "non hai peor cego..."

A ver, certo que houbo pouquiños, en calquera caso, quen nos alertase da presenza do lobo. Mais a realidade é que, malia todas as cualidades extrasensoriais das que presumen, nin Rappel, Esperanza Gracia, Sandro Rey, "la bruja Lola"... foron quen de velo achegarse. Tampouco semella que Íker Jiménez ou Javier Sierra percibisen nada de nada procedente de Alfa Centauro, Ganímedes ou as nubes de Orión. Quen sabe? Acaso os alieníxenas teñan dabondo -ou anden incluso confinados, eles mesmos- cos seus propios andazos e non estea o (seu) alcacer para moitas gaitas. En fin, tampouco é que esoutros videntes, quirománticos e supermagos encargados de (supostamente) dirixir os destinos de Italia, Estados Unidos, Francia, os Países Baixos... se fosen apurar demasiado en considerar os avisos de alerta e perigo. Atendan, entón, por Giuseppe Conte, Emmanuel Macron, Boris Johnson, Donald Trump... até a OMS tivo que rectificar máis dun ditame- mal de moitos apenas si deveu, e devén aínda, consolo para os parvos.

Pero atención: velaí que desde as pantallas de determinados programas televisivos; a través dalgunhas ondas radiofónicas; emborranchando as columnas de opinión e os editoriais de certos xornais dos Madriles..., -e tamén desoutros máis próximos a nós, patéticas terminais de terminais- todo un fato de espelidos especialistas de salón, mariachis e corifeos varios teiman, xornada tras xornada, en explicarnos que eles si que si. Donos, seica, de megasuperpoderes, situados na posesión de todas as certezas certas, aseveran, ratifican, pontifican... arredor de medidas contramedidas; controlan calquera cuestión respecto de mascarillas válidas/inválidas (e de antifaces, caretas e mascaróns de proa!); dominan todos os chanzos de "escaladas" e "desescaladas", cal afoutos alpinistas; califican/descalifican estratexias; sábeno absolutamente todo verbo de epidemioloxía, terapias e contraterapias, medicina cuántica... Vaia, que constitúen o que se di uns máquinas, uns belugas, torpedos, puros amos e cracks totais!

"Os chineses menten; segundo certos informe secretos...", trucan e retrucan, dilixentes gurús do postín/postineo apocalíptico. Pero, a ver, miñas e meus: se o tal documento resulta ser, iso mesmo-secreto- como é que o foron coñecer?; contrataron talvez a algún 007 ad hoc? Escribía con acerto, neste mesmo lugar e hai uns días, José Manuel Ponte que se verdade resulta, en efecto, que os reximes inspirados polo comunismo utilizaron a mentira como arma política, nas sociedades chamadas democráticas asistimos mentres ao show das "armas de destrución masiva" de Sadam Hussein ou aos enganos aos compradores de automóbiles por parte de fabricantes que trucaron motores para pasaren así os niveis de contaminación permitido. Polo visto e para os tales, os que si que nunca nos enganaron/nin enganan veñen ser, daquela, eses ghichiños tan simpáticos que argallaron a "divertida" instantánea coas ducias de cadaleitos ocupando a Gran Vía de Madrid para a ledicia da vóx populi. E vale: está claro que se tratou dunha fotomontaxe; pero como diría o Doutor Goebbels, "¡si cuela..., cuela!" Ou traducido ao román paladino: é quen se pode fiar da daqueles que nos espetan a diario que non nos fiemos?

Chegados a este punto, o cronista entende que, máis alá de que sexan vostedes valedores da esquerda, prefiran o centro do taboleiro ou puxen, mellor, pola dereita..., de certo que han de lembrar todos e todas aquela simpática frase que popularizase Fermín Trujillo/Fernando Tejero nunha coñecida serie televisiva. Entón, antes de enviarmos ninguén ao lume, de acusarnos/contraacusarnos de herexía..., acaso o que de veras lle cómpre é que practiquemos "un poquito de por favor". Ou dito/escribo no enxebre da miña terra nativa, "un chisco de axirío". Porque a paciencia e mais o tempo son medicamentos que non se despachan nas farmacias.

Compartir el artículo

stats