08 de febrero de 2020
08.02.2020
tribuna del lector

Ciencia, humanismo e galeguismo Homenaxe ao doutor Domingo García-Sabell

08.02.2020 | 00:57
Ciencia, humanismo e galeguismo Homenaxe ao doutor Domingo García-Sabell

Tres son os esteos nos que asenta o discurso fundacional da Irmandade da Sanidade Galega: ciencia, humanismo e galeguismo. Os tres conceptos compleméntanse cando o exercicio da medicina se practica co auxilio da antropoloxía. A ciencia, como medio imprescindible para curar as anormalidades dos corpos; o humanismo, para que o profesional da medicina instalase o seu saber nas coordenadas culturais do enfermo, e o galeguismo para entender a esencia da urdime sentimental do paciente.

Eses piares que terman do discurso da Irmandade da Sanidade Galega estiveron presentes no home de ciencia que foi o doutor Domingo García-Sabell. Os seus estudos sobre as características do enfermo galego son unha fonte de información valiosísima fundamentada na longa experiencia clinica, na que utilizou a antropoloxía médíca para facer un diagnóstico certeiro das patoloxías. "O mundo cultural que calquera paciente leva nos miolos, por exemplo o galego, necesita ser coñecido polo médico para un tratamento eficaz", deixou escrito.

Unha anécdota vivida por el nos seus anos de formación na Clínica Jiménez Díaz foi decisiva para chegar a esa conclusión. Acabara de ingresar un home galego a quen lle diagnosticaron provisoriamente unha esquizofrenia. Chegaran a esa conclusión porque tiña un mutismo absoluto, negábase a falar, e non podían sacarlle ningún síntoma. Empezáronlle a facer preguntas en castelán que apenas entendía e entón a todo dicía que si."Pero un día Jiménez Díaz díxome: vostede, que é galego a ver se se entende con él e a ver que lle pasa". E fun, segue relatando García Sabell, e faleille en galego. Falaba marabillosamente , explicou o que lle pasaba e resulta que o home tiña unha enfermidade orgánica local, da que foi tratado e curado".

Para García-Sabell o mundo cultural que calquera paciente leva nos miolos precisa ser coñecido polo médico para facer un diagnóstico certeiro. Unha medicina mutilada, que non contempla ao enfermo e a súa identidade cultural é unha medicina manca e torta.

A riqueza expresiva da lingua galega para dar síntomas e cambios sicolóxicos, ten, segundo él e outras figuras relevantes da medicina, unha fartura extraordinaria. Así o manifestou nunha conferencia pronunciada na Coruña no ano 1975 cun relato ben ilustrativo. Puña o exemplo dun enfermo que lle dicía que non tiña tantas dores "cando me levanto enxergo"; tal expresión non hai maneira que o traduza ao castelán. É unha manobra que recomendan os ortopedas para os que sofren de artrose lumbar. "Ter o estomago amoinado"; tampouco hai posibilidades de traducir isto; ter o estómago amoinado é ese estómago que se se lle dá de comer si, e se non se lle dá de comer, é igual.A medicina chámalle a este síntoma "dispepsia"; "o que pasa é que a miña muller sempre está pianxando", dicía dela o seu marido, que García-Sabell marabillado por tal expresión, chegou a conclusión de que ese laiarse era unha depresión psicorreactiva; ou "ter o corpo desgustado", un recurso moi utilizado para significar un trastorno difuso.

"Se nós non empregamo a lingua do enfermo, van ocorrer dúas cousas: por un lado que privamos ao enfermo dun tesouro enorme de expresións nas cales se sabe ernomemente práctico; se nós insistimos no castelán e o enfermo como pasa que o fala con dificultade, esa dificultade produce unha inhibición en virtude da cal a todo o que nós digamos vai dicir que si", afirmaba coa rotundidade do médico que sabía ben que o coñecemento atropolóxico do paciente é fundamental.

A ciencia ten demostrado que a cirrose é a mesma en calquera parte do mundo, pero o home que a sofre non é igual. Pero en cambio, no xeito de expresalas, neso que os tecnicos chaman "a expresividade" das doenzas hai un factor ético, un factor propio que é o noso; hai unha patoloxía propia da Terra.

Rof Carballo, figura relevante da medicina sicosomática europea no século pasado, afirmaba que a praxe médica debe estar vencellada ao ámbito histórico-cultural na que se move. Fundamentaba esta tese no contacto que tivera con cento e pico de médicos do hospital do Centro Galego de Buenos Aires. Case todos eles eran arxentinos e doutras nacionalidades. Pero os seus enfermos eran galegos que condicionaron a súa idiosincrasia nos seus médicos. É doado imaxinar as relacións daqueles pacientes galegos coas súas maneiras singulares de transmitirlos síntomas e os esforzos dos médicos por entendelos.

A medicina humanista e galeguista que caracterizou ao doutor Domingo Carcía-Sabell é a que pregoa a Irmandade da Sanidade Galega no ámbito sanitario e centros universitarios en total harmonía co expresado polo Plan Xeral de Normalización Lingüística referido á sanidade.

O próximo día 15 a Irmandade da Sanidade Galega celebrará en Santiago de Compostela a novena asemblea, que estará dedicada á memoria do doutor García Sabell e as súas achegas científicas que ten estudado con moito rigor o profesor Ramón López Váquez no seu libro "Domingo García-Sabell e a fenomenoloxía", que intervirá no acto académico no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, despois da inauguración dun busto do escultor José Molares que será ubicado nos xardíns da rúa que levan o nome do homenaxeado ás 12.00 horas.

*Presidente do Foro E. Peinador

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook