Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Velo, insurrección

Nado en Celanova o ano 1916, en ocasión da súa morte no exilio brasileiro, Xosé Velo Mosquera foi recordado con calidez fraterna pola UPG no órgano clandestino "Terra e Tempo". Era 1972. E recordouse como figura singular e potentísima da esquerda e do nacionalismo galego naturalmente antifeixista.

Xa unha rúa da vila natal levaba o nome de Xosé Velo. Agora, unha escultura de Molares, na vella feira das Triguerizas, perpetuará o seu xesto cos lombos calvos ourizados de megalitos ao fondo e fechando o vasto val de Sorga e Arnoia. Non poiden estar no acto de inauguración do monumento, pero, coma sempre, Antonio Piñeiro comunicoume xenerosamente os detalles.

Piñeiro, como se sabe, entre outros moitos méritos é biógrafo de Xosé Velo. Este poeta brador nace á política inspirando, con Celso Emilio, Clodo Prenta, Remixio G. Gándara, as Mocedades Nacionalistas de Celanova cuxo xornal, tamén "Adiante", aínda se anuncia hoxe nunha pintada na parede do convento; pintada que ninguén ousou borrar e que o Concello de Celanova protexe institucionalmente.

As Mocedades de Celanova ocuparon na República a dirección da organización en toda Galicia. Velo, cos antes citados, estivo, pois, na dirección nacional, eles acompañados por Nogueiras, de Allariz. Foi, trala guerra civil, un dos militantes galeguistas que non seguiron a reorganización liderada por Del Riego e se incluíron na Unión Española (Alianza Nazonal Galega).

Velo acreditaba na necesidade de seguir dándolle vida ao Frente Popular. Ao revés ca otros coma Valenzuela, e igual ca varios galeguistas entre os cales Mastache, Velo non entrou ao PCE. É mais, alonxouse del a raíz de que Carrillo lanzase a consigna de "Reconciliación Nacional". Velo caiu preso pola súa actividade na UN, sempre na liña nacionalista, e foi torturado. Logrou fuxir e refuxiarse en Venezuela. Alí co Comandante Sotomayor e máis, fundou o DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) de ideario federalista e antifeixista. O DRIL declarou o "estado insurrecional" nos estados español e portugués. Tras despregar actividade de propaganda na Universidade de Compostela, o DRIL con Xosé Velo asaltou, cumprindo o seu programa, o trasatlántico portugués Santa María. O comando asumiu as bandeiras galega, republicana española e portuguesa. O éxito da acción que comentamos foi descomunal e conmoveu o Mundo. Agora, o revolucionario de Celanova ten o seu monumento no colo morno da Terra Nai.

Compartir el artículo

stats