Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

De realities e fakes

Coido ben que todos os -sempre moi amables- lectores destas crónicas semanais han de estar ao cabo respecto da senlleira noticia que foi percorrer nos pasados días as barras dos bares e mais as mesas das cafeterías; as cadeiras dos perruqueiros; as colas de oficinas diversas?, en fin, os mil e un improvisados faladoiros deste, noso, país de países. Pos velaí que, segundo viñeron informar os diversos medios audiovisuais e/ou escritos, acontece que Mediaset lle foi ofrecer a Dna. Cristina Cifuentes -expresidenta da Comunidade de Madrid- participar na próxima temporada en "Supervivientes": isto é, un dos reality show estrela de Telecinco e que foi contar, en anteriores entregas, coa presenza de celebridades tales como José Manuel Parada, Karmele Marchante, Rosa Benito, Nacho Vidal, Kiko Rivera ou aínda esoutras Mayte Zaldívar, Dioni Rodríguez "el Dioni" e, top total universal, raíña das pantallas e obxecto do desexo arreo dos máis afoutos paparazzi, Dna. María Isabel Pantoja Martín y olé.

Desafortunadamente -e como, de certo, tamén han de coñecer xa Vdes-, eis que a Sra. Cifuentes declinou, seica, a moi gorentosa oferta, co cal non poderemos visionar -¡ay pena, ay dolor!- a Dna. Cristina mergullando docemente, tal intrépida serea, nas cálidas augas que rodean a tropical illa de Cayos Cochinos. Así pois, nada de cremas, apócemas, unturas? nin, claro é, tampouco de supermercados, á vista. Ou o que vén ser o mesmo: o noso gozo -e o noso morbo- talmente nun pozo! Xa que logo?, todo se configurou, entón, como un simple díxomedixome sen máis -un boato, que lle din na outra beira do Miño/Minho? Se tal foi así, malditos fakes!

Ignacio González, Rodrigo Rato, Jordi Pujol Ferrusolas, Lluís Prenafeta, Carlos Fabra, José A. Griñán, Javier Guerrero? Imaxinan vostedes un "Supervivientes" no que todos eles puidesen participar conxuntamente? E ben sei que se trata sempre de varóns, co que a cousa, en principio, semella dabondo descompensada. Non obstante, cabe considerar que á canda da Sra. Cifuentes ben poderían acudir asemade ao reality Dna. Isabel Díaz Ayuso -xa saben: Arabia Saudí capital Madrid-, Dna. Cayetana Álvarez de Toledo e mais Dna. Esperanza Aguirre: a primeira para ofrecernos, nin que dicir ten, unha visión feminista guay e simpática -que non esoutra, hippie-comunista-podemita e de baratillo-, sen veo e con vestido verde en tres cuartos; a segunda porque sería moi digno de contemplar como toda unha señora marquesa demostra urbi et orbi as súas múltiples e variadas capacidades para a vida cotiá sen por iso perder en ningún momento o pescozo moi estirado, digo/escribo a compostura!, nin estragar o esmalte de uñas fashion. Canto, finalmente, á terceira -e antes de darse á fuga veloz por terras de Honduras adiante- para explicarnos como baila un chotís unha auténtica chulapa nacida e criada na capital das Españas. Polo demais, e xa postos a tirar a casa pola fiestra, entendo que cabería aínda incorporar á lista de colaboradores/tertulianos de postín e postineo a expertos tales como o Sr. Bárcenas, D. Francisco Correa ou incluso a D. Iñaki Urgadarín. En fin, a que non estaría nada mal poder conectar en directo con Estrasburgo e coñecermos dese xeito que vén ser aquilo que van opinando o señores Puigdemont e Comín? Dna. Rita Barberá e Dna. Cristina de Borbón aínda? Que queren que lles diga/escriba, miñas e meus? A ver: iso? xa non o vexo tan claro. E é que o da excaldesa da "tierra de las flores, de la luz y del amor" máis ben parece cousa de Íker Jiménez, Carmen Porter e o "Cuarto Milenio", non si? E no tocante á Sra. Borbón porque, como é ben sabido e como ela mesma xa se encargou,ademais, de sentenzar cumpridamente, o caso é que Dna. Cristina, coitada e como devén Vox pópuli, nunca acaba de intervir -nin tan sequeira de enteirarse- ao certo de qué vai a cousa, así que...

Construír cabanas; ter ben identificada a cantimplora; ser quen de prender lume sen a axuda de mixtos e/ou chisqueiros; pescar no mar? A semellante conxunto de habilidades ben que poderían engadir os/as citados esoutras tales como transformar billetes de cinco euros nesoutros de cen (ou quiñentos), confeccionar contabilidades B, negociar despidos en diferido, converter o negro en branco ou resultar capaz de obter por telepatía/telequinese un máster na universidade Juan Carlos I. Ou o que vén ser o mesmo: show e tv. educativa nun único formato.

"Moi ben; moi ben, Sr. Pena -acaso obxectarán algúns/algunhas-, pero non lle parece que foi artellar unha lista un tanto sectaria? Que pasa, mentres, cos "outros"? É que non considera Vde. que tamén poderían participar, uns cantos deles/delas, nun programa semellante?" Pois desde logo que si, levan toda a razón. Porén, o que acontece é que os "outros" -e como moi ben significan día si e día tamén os líderes das dúas dereitas e un cuarto e mais as súas terminais mediáticas- andan estresadísimos, ocupadísimos que están en (mal)vender, entregar, prostituír?, rachar, fender e partir España. Xa que logo, non lles parece tal proceder un reality show dabondo?

Compartir el artículo

stats