Difícil de superar van a ser a xornadas arqueolóxicas celebradas no salón de actos do Museo Casa do Patrón de Lalín, abarrotado de público, os pasados días 16 e 17 de novembro, cunha ducia de conferencias impartidas por figuras de primeira liña da arqueoloxía galega, asturiana e portuguesa, presentación de 14 pósters de arqueólogos noveles, complementadas con visitas á sala de arqueoloxía do propio Museo, que alberga a totalidade dos restos arqueolóxicos mobles do Castro de Doade, á Castro-Deza en Lalín e ao propio recinto da aurela do Castro, para comprobar "in situ" as estruturas habitacionais e arqueolóxicas descubertas ata o momento.

Ao longo de dúas intensas xornadas, tratamos de ampliar coñecementos sobre a recuperación, conservación e difusión da cultura castrexa no noroeste da península ibérica, ese inmenso legado histórico e cultural que temos a fortuna de compartir todos nós, dende os máis diversos puntos de vista (a arqueoloxía, a restauración e consolidación, a docencia, a xeografía e mesmo a propia Administración -Xunta e Deputación-), enriquecendo así o noso acervo cultural coas experiencias acumuladas de insignes profesionais do máximo nivel e tamén coas prometedoras achegas de varios licenciados e graduados noveis que nos presentaron os seus proxectos recentes, actuais ou máis inmediatos. No escenario deste pioneir lugar a presentación do libro científico titulado O Castro de Doade, unha fortificación da idade do Ferro no corazón do Deza, un compendio de 200 páxinas, ilustrado con numerosas fotos, gravados e fotogrametrías, escrito por 13 arqueólogos e profesores da USC, que saca á luz a enorme importancia dos traballos e achados realizados neste xacemento ao longo dos últimos cinco anos, dun xeito técnico e profesional, pero tamén ameno e alcanzable a tódolos públicos, que contribuirá dun xeito decisivo a súa difusión no mundo da arqueoloxía, no ámbito autonómico, nacional e mesmo internacional.

Unha pequena homenaxe ao doutor Caamaño, falecido recentemente, a persoa responsable, xunto con Manuel Blanco, o xerente da Casa do Patrón, de que todo isto acontecera, no que se procedeu á entrega dun retrato pintado polo xenial pintor ourensán Miguel Angel Martínez Coello ao seu fillo Gonzalo, puxo a nota emotiva a este congreso, no que tódolos participantes glosaron a súa colosal talla profesional e humana, así como a súa fundamental e altruísta contribución ás campañas realizadas no Castro.

A Casa do Patrón sumarase a este tributo, da mellor maneira posible: continuando coas liñas marcadas polo profesor Caamaño, verdadeiro precursor desta fantástica aventura, con novas expedicións arqueolóxicas no vindeiro ano 2.020, tanto no Castro de Doade, como na Mámoa do Coto do Santo da Pedra e mesmo na Cova dos Mouros en Soutolongo, tratando de pechar o círculo máxico da prehistoria na zona cun estudo antropolóxico global dos primeiros poboadores destas fermosas paraxes do Alto Deza e difundindo todo o coñecemento posible sobre o seu xeito de vida entre os veciños e o público en xeral. Nos vindeiros meses, a totalidade dos poñentes procederán ao levantamento das actas deste congreso en toda regra, que logo se publicarán vía dixital e tal vez impresa, se as circunstancias o permiten, para deixar plasmada a relevancia e amplitude do contido deste acontecemento histórico nas indómitas Terras de Deza.Queremos agradecer a dona Vanesa Trevín Pita, coordinadora da xuntanza, así como á totalidade dos participantes e asistentes a estas xornadas castrexas de Doade, celebradas na sede do Museo Casa do Patrón, en especial aos que fixeron o gran esforzo de participar, desprazándose dende fora da nosa Comunidade, dun xeito altruísta e desinteresado, que acredita o seu amor cara a arqueoloxía, desexándolles tiveran unha feliz estancia nesta humilde aldea, que xa poden considerar a súa casa.Facemos extensivo esta gratitude dun xeito especial á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia o mecenado da obra presentada, sen o cal resultaría imposible a súa publicación, así como a colaboración da Deputación de Pontevedra e do Concello de Lalín na celebración deste congreso.

Sentímonos realmente ledos e orgullosos de habernos convertido nunha verdadeira escola de arqueoloxía, a través das prácticas anuais dos universitarios do Mestrado de Arqueoloxía da USC, mostrándolle a milleiros de nenos galegos unha "escavación real" no noso castro e agora, mostrando e debatendo ao máximo nivel os derradeiros achados arqueolóxicos do noroeste da península ibérica a apoiando os primeiros pasos de arqueólogos noveis que acaban de comezar a súa andadura profesional.

Moitas grazas a todos e ata as próximas xornadas, que de seguro celebraremos xuntos máis pronto que tarde con idéntico éxito, porque estamos seguros de que esta edición tan só constitúe o primeiro paso don longo camiño sementado de novas experiencias e éxitos compartidos no futuro. Ata sempre, queridos arqueólogos, dente hoxe xa amigos do Museo Casa do Patrón de Codeseda, que tan honrado se sentiu coa vosa compaña nestes dous marabillosos días que xamais esqueceremos!

*Presidente do Museo Casa do Patrón