Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Dous libros de poesía

Hai anos coma área, eu fun de Vigo a Bande cruzando pola montaña de Xacebás a Outeiro de Aguas ou de Eguas, con cabalos e vacada brava a unha banda e outra do camiño. Naturalmente eu ía de 4 por 4 e a pista, que cuase segue por alí a fronteira, sobrevivía ao inverno en regulares condicións. Chegados ao chao onde, nace o Tuño, na Auguela que eu coñecín coma aldea de teito ou sexa de colmo, a vella estrada desce en voltas moi marcadas, a Bande. Alí está, impertérrita, a igrexa protestante (Irmáns de Plymouth) que fundara sobre 1922 don Edmundo Woodford, misioneiro. A igrexa e aldea chámanse Calvos. En Bande, no Instituto, ensinaban Chus Pato e Xabier Cordal Fustes. Para min foi un encontró memorábel o que tiven con aqueles profesores excepcionais e aquela amabilísima tropa de arraianos adolescentes. Co tempo, pasado non moito, Chus iniciou a publicación dos seus libros poéticos. A sair á luz o primeiro, Cordal puxo na Trabe de Ouro un eloxio profundo da nova poeta. A profetizar: "ela está chamada a ser o centro referencial de todo unha época que agora está amencendo". E así foi. Chus Pato, co seu poder aniquilador e, ao tempo, xerador de auroras, áchase no centro da grande poesía dun Noso Tempo incerto. Non penso que a poesía galega viva, que é grande e contraditoria e promiscua, poida entenderse sen un facho Chus. Cordal persiste na intelixencia e na lucidez, sen cansar. Cordal, alén de creador e poeta, exerce a análise crítica, non tan amiude como nos pracería a nosoutros. E diseca co escalpelo a política e a súa aplicación, así coma os cancros e malformacións das ideas e proxectos, que por veces nacen e medran a treizón. Leo o novo libro de Cordal: Resistencia da auga, Chan da Pólvora, Compostela, 2018. Un día Cordal quixo levarme, nunha incursión ecuestre en Cervo, a presentar un seu libro. Non opoiden ir. Agora regresan aqueles cabalos no libro, mesmo na capa, fantasmáticos, entre meras e barruzo.

Para escribir versos coma os deste libro (non fago crítica literaria) Cordal tivo que superarse unha terríbel ascese de renunciamento á fronda. Pero o libro máxico de Cordal, non chega só.

Vén co libro último, e desexado, de Chus Pato no que a voz matricial dela fábrica escadas novas por onde saír do Castelo ás escuras, como intentara Juan de la Cruz no seu deliquio pálido e rosado. O libro novo de Chus Pato: Un libre favor, Galaxia, Vigo, 2019. Ábrese cun poema dirixido a Xabier Cordal. Neste libro, coma en toda a súa obra anterior fundacional, o poema de Chus non cai do lado das tebras xamais. Unha certa severidade enchoupada de intelixencia do total invade os novos poemas de Chus Pato. Velaí outro cumio. Haberá otros e distintos cotos na liña do ceo, montuosa de Chus Pato que fecha e vai abrindo a nosa Contemponeidade. Libros, os de Chus e Xabier, e non só, para este outono e esta luz peneirada.

Compartir el artículo

stats