Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Antes de eu saber de Stalingrado

Un artigo en "Estela", suplemento do Faro, da autoría de Marcos Martín Reboredo, fíxome acordante da moita literatura referida a Vigo como centro de espionaxe durante a II Guerra Mundial cuxa deflagración inicial estamos a conmemorar. Eu era neno, pero lembro ver a placa dos consulados dos EE UU, de Inglaterra, de Francia, etc. nunha área que vai de Policarpo Sanz ao Náutico. Entrei co meu pai nun chamado Bazar Almeida, nos mesmos baixos da Casa de Aríns que hoxe ocupa, moi ben restaurada, o Instituto Camões. Agardabamos turno, naquela tenda de aparatos, recambios e reparacións eléctricas. Ouvín esta conversación entre un cliente e o señor que parecía ser o principal daquel establecemento (léase Kafka na Metamorfose).

Cliente: ¿Tiene usted una lata de melocotones?

Principal: ¿Una lámpara de qué?

Cliente: ¡Le he dicho una lata de melocotones!

Inmediatamente, ambas persoas se botaron a rir de boa gana e se deron unha aperta. Deseguida o encargado ou dono da tenda chamada Almeida lle despachou ao meu pai as pillas para a linterna que usabamos para desprazamentos nocturnos, dado que, naqueles cuarenta do século XX de Siro Alonso, aínda a Vilanova dos Infantes non chegara a luz eléctrica.

Cando saímos á Praza de Almeida, ou das Cebolas, eu comenteille ao meu pasi que me parecera rarísima a conversa que acabamos de ouvir: "Seguramente: trátase dunha consigna de recoñecemento clandestino" -explicoume meu pai ao tempo que me encarecía que non comentase con ninguén o caso.

Pasaron os anos, e eu nunca esquencín nin o diálogo disparatado sobre "lámparas" e "latas de melocotones" nin a advertencia que meu pai, pedindo discreción, me fixera. E deseguida, pasando por unha Pedra ateigada de postos de venda ambulante e de compradores, baixamos á dársena da Laxe, meu pai e mais eu. No que é hoxe parte interna da doca de trasatlánticos había un barco de guerra español; un destructor ou, se cadra, un minador. Abarloado ao barco español, estaba un submariño alemán que xa tiñamos visto moitas veces, especialmente cando se facía o cambio de garda na cuberta do sumerxíbel. Deste, decíase que estaba fuxido da guerra aínda que moitos sostiñan que se encontraba en Vigo vixiado pola armada española por causa de reparacións. A estas alturas xa teño lido explicacións históricas sobre o misterioso submariño alemán da Laxe. Que forma parte das lembranzas miñas máis vedraias.

Agora, pasados anos coma mandas de lobos que me comeron a vida, eu recordo entrelazados os termos do diálogo conspirativo da Praza da Almeida e un alegre grupo formado por mariñeiros alemáns do submariño que camiñaban cara o centro de Vigo seguramente felices por estaren lonxe da guerra que tiña como escenario o que Cousteau chamou "o mundo do silencio". Moitos anos máis tarde souben o significado de Stalingrado

Compartir el artículo

stats