Sr. Colmenares. Veño de ler a carta que remite Vde. a Agustín Fernández, candidato do PSOE á alcaldía de Pontevedra, e teño que dicirlle que, sinceramente, non salgo do meu asombro pola probeza dos seus argumentos. Porque pretende Vde. converter en verdades indiscutíbeis o que non son máis que ocurrencias interesadas.

Fala Vde. de que non é posíbel trasladar Ence a outro lugar e volta repetir esa absurda e pueril teoría de que a Ence non se lle poden poñer rodas! Evidentemente, calquera traslado supón pechar a fábrica de Lourizán para abrir outra nun novo emprazamento, cunha nova tecnoloxía. Por iso nós falamos de PECHE da actividade en Lourizán, porque este peche non implica necesariamente que non se poida abrir outra nun novo emprazamento. O traslado é viábel pero Vdes. non o queren acometer!

Déixese de contos Sr. Colmenares! Non nos fale de que se xustificou a imposibilidade do traslado, porque o informe ao que se refire (pagado por Ence está feito pola mesma empresa que hai uns anos xustificou a necesidade de instalar unha segunda celulosa na Galiza, e mesmo asignáballe varios posíbeis emprazamentos.

E, por favor, deixen de falar de inseguridade xurídica, porque falando de Ence, a inseguridade padecémola sempre as cidadás e cidadáns! Esqueceu xa que cando mercaron a empresa a prezo de saldo, sabían que a concesión caducaba no 2018? Porque non falou Vde. de inseguridade xurídica cando Mariano Rajoy, cun goberno en funcións, concedeulle a Ence unha indecente prórroga que se demostrou agora ilegal? Porque non cando se eliminou o RAMINP, cando se lle concedeu unha AAI de forma irregular e aplicándolle un acordo de supramunicipalidade de forma absolutamente impresentábel para pasar por riba da legalidade urbanística do Concello de Pontevedra? Porque non falou de inseguridade xurídica cando se modificou a Lei de Costas ou cando se decretou que non existen causas de caducidade total da concesión outorgada a Ence no 1958? Non se pode falar de inseguridade xurídica cando un goberno, aplicando a legalidade vixente, anula unha decisión anterior por non se axustar a dereito. O que hai, Sr. Colmenares, é unha absoluta falta de responsabilidade social por parte da empresa da que Vde. é Consejero delegado!

* Presidente de APDR