Como efecto bon da posta en vigor do parque das Illas Atlánticas, as londras que sempre alí houbo, despois de seren cruelmente diminuídas, voltan para ocupar os espazos dos que foran expulsadas a tiro e por cobiza. En Mourillós, Celanova, un bon home, muíñeiro, matou unha londra nai cos seus dous ou tres cachorros. El pensaba que se trataba da raposa, que lle ía aos parrulos. E non, que era a londra. Quedou o home triste, mormente polas crías, que eu vin cos fuciñiños tenros adornados con bigotes ben simpáticos.

Coido que en Ons houbo matanza sistemática de londras, con fin comercial consistente en traficar coas pelicas. Falamos da especie euroasiática Lutra lutra, que sempre foi aproveitada para o mercado pola súa pel. Cando foi a morte da nai londra e dous seus cachorros, eu era neno. Vin a nai e os londriños mortos, xacendo sobre un carro do país. Toqueilles: estaban fríos; estantes. Ao mellor aquel intre lonxano, na beira do río Sorga, determinou o meu desexo de non matarmos animais por razón de lucro e sen necesidade.

A londra nosa anda nos mil ríos, que decía Cunqueiro, do País, aos que hai que sumar o que se chama Navia nas Asturias administrativas, Neiva na Gallaecia entre Douro-e-Minho. Intúo, sen apoiatura científica, unha relación fonda e escura entre a nosa deusa Navia, omnipresente en Galicia, e o dominio subacuatítico das londras. Se cadre Navia foi a deusa Londra, e a que diu lugar ao nome (toldado sempre) orixinal da cidade de Londres, de Londra en italiano. Se deixamos a parte os "falsos amigos" da lingüística comparada e da onomástica enigmática, sempre caímos nun pozo sen fondo. O indeoeuropeo WED lévanos á auga eterna, e, de alí, o grego clásico chámalle a nosa londra enydris, que ten que ver coa auga, e os ingleses otter que tamén ten que ver con wather. É unha gloria mirar nos videos de natureza como as londras de Escocia andan nos penesdos marítimos, nas debrocas dos Heihlands gaélicos. Eiquí a cobiza ordenou de exterminar as londras. Andaba o clube de fubol Alondras de Cangas un pouco triste pola desaparición no Morrazo destes mustélidos fermosos e veloces así nas augas continentais como nas mariñas.

Pero a noticia apareceu nos xornais: volven as londras ás Illas Cíes. Elas piden pouco: que as deixen matar peixe para vivir e que haxa, ou haba, en dialecto altovigués, agua fresca e doce para lavaren a pelexa e beberen a fartura. Quen viu as pegadas da londra, disterada das das aves, sobre unha praia calquera da costa galega nunca esquencerá a mensaxe de ledicia e libertade que se desprende destes delicados emblemas cósmicos que nos indican que a vida salvaxe dos mamíferos perseguidos resiste en Galicia.