Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Portas xiratorias

A recente fichaxe da exvicepresidenta do goberno do PP co Sr. Rajoy, Soraya Sáenz de Santamaría, por un prestixioso bufete de avogados -para o que, segundo informacións xornalísticas, puido recomendar certo trato de favor á Abogacía do Estado, dependente do poder executivo- volve colocar sobre o tapete os atallos, fallos e buratos que un dia si e outro tamén pon de manifesto ante o estupor do cidadán o noso sistema, segundo din, democrático, deste estado do benestar que nos están a vender e que resulta moito máis estar ben para uns que para outros, e claro sempre cae a moeda do mesmo lado, xa coñecen as leis de Murphy: se algo tan a máis mínima posibilidade de saír mal, ten por seguro que sairá peor.

Evidentemente, eu non podo nin tan sequera insinuar que o tema sexa ilegal, porque entre outras cousas os meus coñecementos do código civil, penal, mercantil e outras lerias, é bastante limitado, sendo xenerosos na cualificación -mais ben diría que non teño puñetera idea de nada, seino-, pero dende logo cheira mal, sen dúbida da que pensar que alí onde hai fume é que hai lume. Resulta inmoral, aínda que cousas máis inmorais deben ter sobre as súas consciencias as súas señorías, dende logo, polo noso ben, porque sempre as decisións que eles toman sonche pensando no noso ben, faltaría máis.

Pero do que non hai dubida é de que cando, chegado o momento, poñen o punto e seguido ás súas desenfreadas carreiras como políticos, parlamentarios, ministros, directores xerais ou o que sexa, sen máis nin máis, acostuman atopar un buratiño, bastante xeitoso alí onde favoreceron os seus colegas e amigos: enténdase, nun consello de administración dun banco, ou unha empresa de primeira liña do Ibex, nun bufete de avogados de cinco estrelas, nun organismo rimbombante que ten un nome larguísimo pero que ninguén sabe o que fai, nin para que serve, e, causalidade e curiosidade, sempre cunha nómina de cinco ou seis cifras, plans de pensións millonarios, tarxeta business, despacho de moqueta e non sei cantas e cantas historias máis, que pagamos entre todos e todas.

E sigo dicindo que sei que non é ilegal, faltaría máis, pero cando resulta que a inmensa maioría dos nosos fillos xa non son nin sequera mileuristas -agora sonche bolsistas ou en prácticas-, cando resulta que o paro ronda os tres millóns de persoas, cando din que é imposible subir as pensións ás viúvas e xubilados, porque non hai sistema que o resista, cando a pobreza infantil e o risco de exclusión acolle día a día a máis nenos e vellos, cando os comedores sociais e os bancos de alimentos funcionan a marchas forzadas grazas á solidariedade da xente coma nós, invisibles, caladiños, translúcidos, incoloros, inodoros e insípidos , pois, que lles vou dicir, que da certo repelús escoitar a estes de puro e chisteira, de Chanel Nº 5, de limusina e viaxes non precisamente en clase turista, escoitarlles falar, digo, a estes que minten cunha desenvoltura, profesionalidade e desvergoña inaudita, de que non hai nada irregular no funcionamento destas portas xiratorias, das que gustan, usan e abusan os nosos políticos.

Compartir el artículo

stats