Comezar por sumar a miña voz e os meus esforzos a este movemento cada vez máis forte que reivindica a igualdade de dereitos da muller en todos os ámbitos do seu desenvolvemento integral. Pero fágoo plenamente consciente de que hoxe esa voz debe de ser máis alta e os esforzos redobrados pois esa mesma fortaleza está a converternos en máis vulnerables xa que ten concitado a reacción de sectores poderosos que ven perigar un modelo de sociedade ao que, as súas razóns coñecémolas, non queren renunciar. E a historia non é determinista nin lineal, baste lembrar as lamentables condicións laborais que estamos a legar e que criamos superadas con grandes sacrificios e considerado como dereitos consolidados.

No mundo rural, xa falo como empresaria, estas desigualdades axigántanse; basten unhas simples pinceladas: abandono político, falta de apoio e recursos financeiros, ineficacia administrativa: tremendo fracaso das explotacións en réxime de titularidade compartida, lacerante desigualdade nas pensións das mulleres no réxime agrario...

Con todo a miña experiencia persoal tamén me abre camiño á esperanza. A miña nai xa fora unha precursora na praxe, non eran tempos de moitas teorías, da reivindicación do rol da muller na sociedade fundando a súa propia empresa, un estudo fotográfico, Mary Quintero, con apenas 18 anos, aínda que é certo que a lexislación daqueles grises anos 50 obrigaba a que nos papeis e contas constase sempre a sinatura dun home.

Con estes xenes dei o salto de urbanita a facerme cargo dunha semiabandonada explotación gandeira que tiña o meu pai en Monterroso, comarca da Ulloa, e cítoa pois tiven a inmensa sorte de coñecer nela a numerosos colectivos de mulleres de distintas procedencias coas ideas moi claras sobre o futuro do noso campo e de onde xurdiron numerosas iniciativas, empresas e cooperativas nalgunhas das cales felizmente participo.

Se da miña nai aprendín o valor do esforzo e a autoconfianza, destas compañeiras a importancia do traballo en equipo, a necesidade da innovación constante e de ambas a fe no futuro da muller.

Vémonos o día 8!!!

* Responsable de Granxa Maruxa