Un proverbio chinés, unido ás investigacións do matemático Edward Lorenz, foi a orixe do chamado "Efecto Bolboreta" que basicamente conclúe con que algo tan pequeno como o aleteo dunha bolboreta pode chegar a causar un tifón alén do mundo. Explica como pequenas accións, ás veces inadvertidas, son capaces de xerar grandes cambios, de propiciar un determinado impacto e mesmo transformacións formidables na nosa contorna. Porque os grandes cambios empezan ás veces con actos pequenos, casuais, inesperados, pero que conseguiron que mulleres e homes fosen adaptándose a cada desafío que nos expuxo nosa propia evolución como sociedade.

Agora estamos diante dun deses retos, dun desafío sensacional, o da igualdade, ao que as mulleres levamos moitos anos enfrontando, dando pequenos e grandes pasos, nunha loita marabillosa, a máis xusta, a máis decente, a máis necesaria e na que todas, pero tamén todos, somos imprescindibles. Somos o 52% da poboación e con todo nin ocupamos a metade dos espazos, nin temos as mesmas oportunidades. E nós queremos a metade de todo. ¿Pode haber algo máis xusto?.

Os datos falan por se sós, de infrarepresentación, de desigualdade, de invisibilización, de brecha salarial, de conciliación, de discriminacións, dun mundo de violencias. Os datos non son discutibles. Por iso, a folga deste venres, a folga feminista do 8 M é necesaria. Máis necesaria mesmo que a de 2018, histórica, con millóns de mulleres nas rúas. Máis necesaria este ano porque volveron quen proclama que as conquistas que tanto custaron ás mulleres deben desaparecer. Apareceron repentinamente os involucionistas, e xa dicía Simone de Beuvoir: "Non esquezas xamais que bastará unha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres volvan ser cuestionados. Eses dereitos nunca se dan por adquiridos. Debedes permanecer vixiantes durante toda a vosa vida".

E non nos equivoquemos. Os que nos insultan, os que desprezan o movemento máis potente que nunca existiu como é o feminismo, os que queren seguir mercantilizando os nosos corpos, os que avogan por eliminar o noso dereito para decidir sobre as nosas vidas, non son máis que a resposta do medo a non seguir tendo o control de todo, a reacción á perda dos privilexios. Pero hai que paralos, paralos coa nosa loita, a máis fermosa, a máis pacífica e a máis sorrinte. Porque somos máis e porque temos razón.

Así que, por mil razóns aínda que só fose por unha delas, anímovos a que participedes na folga deste 8 de marzo. A que o fagades polas vosas fillas, polas vosas netas, polas vosas irmás, polas vosas amigas, polas 984 mulleres que foron asasinadas en España polo feito de ser mulleres. Saíde á rúa por vós, por todas.

E a vós, aos homes feministas, aos que nos acompañades nesta loita, non fagades folga este venres, traballade nos coidados que as mulleres teñen que facer cada día, e facédeo para que nós podamos parar. Vide connosco ás manifestacións e sentirvos importantes nesta batalla, que tamén é a vosa, por conseguir unha sociedade máis decente e, por tanto, máis feliz.

Actuemos, porque se somos capaces de actuar no momento preciso, neste momento, conseguiremos cambios sensacionais. Iso é o Efecto Bolboreta, o que lembra que se queremos somos como a pedra que se lanza nun estanque e empeza a xerar ondas e máis ondas. Como fixeron aquelas primeiras mulleres. Porque o aleteo dunha bolboreta pode cambiar o mundo. Agora tócanos a nós.

*Presidenta da Deputación de Pontevedra