Nas eleccións do 12 de abril de 1931, os republicanos gañaron nas grandes cidades. Afonso XIII abandonou España e proclamouse a República. Horas antes, os periodistas preguntáronlle ao xefe do Goberno, o almirante Aznar, se habería crise. Este respondeu: "Que máis crise queren que a dun país que se deita monárquico e se ergue republicano".

Juan Manuel Moreno Bonilla, que quixo ser mestre de escola e psicólogo pero non conseguiu rematar ningunha das carreiras, acaba de ser investido presidente da Junta de Andalucía cos votos de PP, Cs e Vox. Nas eleccións en que concorreu como cabeza de lista do PP obtendo o peor resultado da historia do partido na comunidade (26 escanos de 109), vímolo en campaña pedíndolle o voto a unha vaca. Un amigo meu, cáustico, dixo que cada un pídelle o voto aos seus iguais.

O obxectivo común do "trifachito" (expresión de Iceta) foi botar o PSOE da Junta, despois de 37 anos de goberno. Están en xogo case 700 postos de confianza, entre os de libre designación e os altos cargos, así como prebendas que pasarán a seguidores da dereita, incluída a extrema. Hai ademais uns 270 mil empregados en nómina, onde non será difícil ofrecer acomodos. Esta foi unha das causas que explican o entendemento para facer presidente o líder popular e vicepresidente o cabeza de lista de Cs, Juan Marín, que quixo ser xefe do Executivo con 21 escanos, a pesar das voces que chegaban de Europa advertindo de non pactar coa ultradereita. Xa días atrás, cos 59 votos que suma esta entente na cámara rexional elixiuse presidenta a Marta Bosquet, de Cs, e constituíuse a Mesa con 3 membros do PP, 2 de Cs e 1 de Vox, quedando sen representación "UP", que tivo 17 actas fronte ás 12 da formación de Francisco Serrano. Pronto veremos o desfile de novas caras que farán visible o denominado "cambio", que inclúe touros, caza, flamenco, xenofobia, misoxinia e recorte dos dereitos das mulleres.

Susana Díaz pasa a liderar a oposición, sentíndose lexitimada para seguir á fronte do PSOE andaluz e preparar a recuperación do poder, afirmando que será novamente candidata á Junta. Entende que a irrupción de Vox mobilizará o voto de esquerdas e que ela conta coa confianza dos militantes, expresada no congreso e nas primarias anteriores aos comicios. Considera tamén que a lexislatura será inestable e curta polos enfrontamentos no bloque que apoia ao novo Goberno, con grupos que non dialogan nin se reúnen. Porén, non está claro que para esta tarefa conte co entusiasmo de Ferraz, desde onde se falou xa da renovación necesaria do partido en Andalucía.

Co anuncio de auditorías sobre a descomunal estrutura preexistente de funcionarios, empresas públicas, axencias, fundacións, contratos innecesarios e soldos inxustificados, indicativos dunha administración oculta con base nunha rede clientelar de enchufes e "amiguismo", comeza a súa andadura o novo Goberno rexional xurdido das eleccións do 2 de decembro. Andalucía, que dende a Transición durmiu socialista, ergueuse este día conservadora, producíndose por primeira vez, despois de 37 anos, unha alternancia política que deixa unha fonda crise no PSOE. A dereita gobernará con dous programas contraditorios, aceptando concesións que poden vulnerar a orde constitucional, e con un socio que quere as vantaxes do poder, pero non manchar as mans. A rexión será o campo de probas da dereita, desde onde tentará estender os seus pactos a outras comunidades nas eleccións de maio. O malo é que a estabilidade política estaría nas mans de Vox.

*Veciño da Estrada