Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Educación e autismo (II)

A educación imposible

Á pregunta sobre cal é a mellor escolarización para as persoas con TEA, non hai unha resposta única, como non hai dous nenos idénticos. A mellor escolarización estará en función de cada neno, do seu momento evolutivo, contorna familiar e dos propios recursos escolares. Hoxe temos unha oferta máis ampla da tradicional dicotomía escola ordinaria/escola especial, xeneralista ou especifica. A escolarización combinada e a escolarización ordinaria facilitan atopar unha máis extensa e variada oferta para un neno con TEA. A escolarización nun contorno moi adaptado e desde aí avanzar cara á inclusión, pode ser en moitos casos o mellor sistema.

Non todo é, nin pode ser, educable. O educador, mais ca un mestre do saber, é ante todo un mestre do desexo. Se a educación pretende regulalo todo, vólvese imposible.

A proposta pedagóxica pola escola inclusiva, que xorde denunciando a escola especial, pode provocar desafección nos nenos e adolescentes, que non poden adaptarse a unha normativa que dificilmente inclúe a súa singularidade. A inclusión educativa pode provocar fenómenos de exclusión, e a aparición de angustia nos profesionais, que se volve correlativa á súa falta de formación. A mellor proposta, pode ser que a abordaxe terapéutica deixe o puramente educativo nun segundo plano para facer posible que xurda o suxeito, isto é, a súa relación coa linguaxe, co propio corpo, cos obxectos e cos outros.

Porén, como incluír un suxeito que non quere incluírse? Estamos nun momento en que canto máis aperta o discurso da inclusión e da normalización máis casos de non incluídos vemos aparecer e máis situacións de urxencia se xeran. A educación máis efectiva para o neno con TEA é posible traballala no eido educativo, social e cultural, que os centros de educación especial (EE) procuran e onde os nenos gozan dunha calidade de vida que dificilmente atoparían noutras contornas. Unha persoa con TEA pode estar máis segregada no contorno ordinario, por carecer a súa educación do equilibrio necesario da presenza, participación e o desenvolvemento. No eido educativo e preciso poñer no centro a persoa con TEA, a calidade de vida e a procura da súa felicidade presente e futura.

O educador, mais ca un mestre do saber, é ante todo un mestre do desexo. Freud transmíteo aos 60 anos nun escrito da escola que estudiou desde os 9 aos 17 anos: "...que é o mais importante para un alumno, non é ocuparse das ciencias que nos expoñen os mestres, senón da súa personalidade. Un camiño subterráneo que pasa pola persoa do mestre... provocadora das nosas revoltas e da nosa submisión... espiabamos as súas debilidades e estabamos orgullosos do seu saber e sentido da xustiza... adoptabamos cara a eles unha actitude de incomodidade... amor/odio, crítica/ veneración. O mestre non opera tanto a partir do seu deber como da súa personalidade".

Mais ala do saber que posúa, mais ala dun "saber facer" transmisible, universal, que valería para todos, o mestre dá testemuña sempre, o saiba ou non, da súa acción, do "outro saber". Como establecer un vínculo con un profesor e, por extensión, no educativo se a mirada esta posta en se un alumno responde a un patrón de conduta, e non no que aprende? Faise entón a educación imposible? Non, pero hai un imposible na educación e é precisamente ese irredutible, esa singularidade do suxeito que marca unha barreira que fará fracasar calquera intento de domesticación.

*Fundación Menela

Compartir el artículo

stats