25 de septiembre de 2018
25.09.2018
Campo de Granada

A rexeneración do Vigo Vello

25.09.2018 | 02:19
A rexeneración do Vigo Vello

O debate sobre a memoria na cidade e o papel das intervencións públicas na rexeneración urbana do Casco Vello de Vigo, que se celebra esta tarde na Casa Galega da Cultura, organizado polo Consello da Cultura Galega, é unha oportunidade magnífica para reflexionar sobre o que se leva facendo no Vigo Vello desde que en 1981, sendo alcalde Manuel Soto, se aprobou o Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello. Un documento urbanístico que no marco dun barrio daquela en decadencia total, deixado polos poderes públicos na marxinalidade e abandonado a súa sorte, expresaba por vez primeira unha intención de rehabilitación física e de modernización dos seus espazos públicos. Iniciativa que coincidiu coa constitución da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo, nacida cos obxectivos de loitar pola mellora da calidade de vida da veciñanza.

PERI do Casco Vello que coa posta en marcha do Plan Urban, xestionado polo concello de Vigo dende 1994 a 2001, nos mandatos dos alcaldes Carlos Príncipe e Lois Castrillo, comezou ensaiar unha novidosa estratexia de xestión integrada das políticas públicas, peonalizou espazos, apoiou a celebración dalgunhas festas e asumiu a rehabilitación dalgúns edificios insignia como a Casa Galega da Cultura, a Casa-Torre de Pazos-Figueroa e de Ceta (hoxe Instituto Camoens) ou a Casa Goda (hoxe centro de saúde do Sergas). Abandonado polo concello o Urban (por razóns de conxuntura política), as actuacións públicas no Vigo Vello se reiniciaron en 2005 da man da constitución do Consorcio Casco Vello entidade nacida co obxectivo de desenvolver un proxecto integral de rexeneración urbana asumido de forma compartida por tres administracións: o concello de Vigo (alcaldesa Corina Porro, PP), que achegaba un 10% do orzamento; a Xunta de Galicia (presidente Emilio Pérez Touriño, PSdeG-PSOE), que asumía o 50%, contando coa colaboración da Zona Franca (presidente Francisco López Peña, PSdeG-PSOE), que proporcionaba o 40%, porcentaxe que sería adquirida en 2007 pola Consellaría de Vivenda e o Solo (da conselleira Teresa Táboas, BNG).

Creación do Consorcio Casco Vello de Vigo (hoxe nun 90% en mans da Xunta de Galicia), que xunto coa declaración en 2006 do Casco Vello como Ben de Interese Cultural como Conxunto Histórico Artístico e a aprobación en 2007 do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI), permitiu que nesta última década se deran pasos significativos nun proceso de rexeneración en marcha, ao que moito lle queda aínda por facer. Recuperáronse edificios, construíronse vivendas de promoción pública e creáronse novos espazos comerciais e administrativos (como a sede dos rexistros mercantís na casa de López Araújo na rúa Real). Mesmo no Barrio Alto, o máis degradado e descoñecido, comezou a ser ocupado por unha nova veciñanza, toda unha volta ao carpín. Como tamén o foi que visitar o Casco Vello está de moda coma nunca, feito ao que non foron alleos nin a apertura de novos e atractivos locais de hostelaría nin o éxito rotundo das festas como a Reconquista nin o pulo que lle deron rotas literarias como as deseñadas polo escritor Pedro Feijoo no seu libro "Camiñar o Vigo Vello" (Xerais, 2018). Xaora, que as prazas da Constitución, da Princesa, da Colexiata ou as rúas da Oliva e do Triunfo estean ocupadas cada serán como espazo de lecer e encontro por centos de persoas é unha excelente noticia, mais tamén afonda nos inevitables perigos da terciarización e turistización do barrio histórico, problemas moi complexos presentes xa noutras cidades próximas coma Porto ou Compostela.

Nesta altura decisiva, o éxito do proceso de rexeneración urbana do Vigo Vello depende en boa medida de recibir un novo pulo político, que só pode vir da man dunha maior implicación por parte do concello de Vigo e dunha estreita colaboración co resto das administracións públicas. O Concello debe integrar o proxecto de revitalización do Vigo Vello nas actuacións urbanísticas na contorna do que foi a cidade amurallada, a Panificadora e o Barrio do Cura. O Concello debe apostar pola creación dalgún novo espazo verde e pola presenza de arborado e vexetación en todo o barrio. Como debe arriscar nas peonalizacións das súas travesías, a da Porta do Sol, a da rúa Elduayen e a da avenida Beiramar, á altura da actual praza do Berbés, o que obrigaría ao alongamento dos actuais túneles. Como é imprescindible continuar desenvolvendo a política de equipamentos socio-comunitarios, nun barrio que precisa dun centro de día público para maiores, un centro público de Educación Infantil de 0-6 anos, un espazo de xogo para os picariños e un centro cívico e veciñal no que instalar, entre outras actividades, unha Oficina da Memoria do Vigo Vello, celme sobre o que construír un sentimento de pertenza e orgullo no Vigo do futuro.

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook