Sofremos cada día o castigo de ver acusado o nacionalismo do delicto de falsificar a Historia. As cabezas ben espiolladas deberían, neste respecto, ter presente a agudeza de Joseba Sarraonaindía: "O nacionalismo, coma a halitose, só lle ocorre aos outros". E como trata o españolismo de comprender a Historia? Caso extremo: o Grande Relato Apostólico. Santiago o Maior, que morreu decapitado en Xerusalén sobre o ano 42, disque viñera predicar o cristianismo a Gallaecia e Hispania. Pero a cronoloxía indica que non puido facer tal. Despois, nun barco de pedra, trouxeron o cadáver de Xerusalén a Iria. Desapareceu o túmulo entre as silveiras e reapareceu milagreiramente uns 900 anos despois, sen máis proba de veracidade ca unha especie de chuva de estrelas. En 997, Pedro Mezonzo fuxiu cos presuntos restos do Apóstolo para salvalos da furia de Almanzor. Volveron os despoxos a andar perdidos. O caso é que, so o bispado do cardeal Payá (1875-1886), a situación era esta: o sepulcro dito do Apóstolo Santiago levaba de novo coma 900 anos perdido. Púxose mans á obra o cóengo López Ferreiro e fixo excavacións. Apareceron sartegos, un dos cales, de máis mérito, foi declarado ser o de Santiago; sen probas. A ese montáronlle, co apoio do Papa, a cripta apostólica que todos coñecen. O subsolo compostelano está acugulado de osos e enterramentos de diversas épocas, que os arqueólogos estudan e que Torrente, en Fragmentos de Apocalipsis, noveliza xenialmente.

É disparate designar unha de tales covas coma a de Santiago o Maior, fillo de Zebedeo, dirixente da comunidade cristia de Xerusalém até que o mandou decapitar Herodes Agripa por razóns políticas. Na Rúa de Santiago de Xerusalén, e administrado pola igrexa armenia, hai un templo consagrado á memoria daquel crime e daquel Apóstolo. Coa entrada do século XX, o historiador Louis Duchesne (bispo católico) publicou en Annales du Midi un artigo no que suxire que quen está enterrado e recibe culto apostólico en Compostela non é Santiago senón o hirexe galaico Prisciliano, decapitado en Tréveris, cuxo corpo repatriaron os seus discípulos. O que sospeitou Duchesne tén aspectos de credibilidade. Por iso Uxío Romero Pose (tamén bispo e tamén historiador) fixo publicar, traducido ao galego, o artigo de Duchesne na revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro, onde pode ser consultado. Tanta (e máis) falsificación e tanto lixo estelar arredor do sartego dito apostólico de Compostela non é atribuíbel para nada ao nacionalismo galego, senón á ignorancia secular galego-española e aos intereses económicos xacobeos que se foron relevando uns aos outros e século tras século. Iso si, o nacionalismo galego de esquerda sempre simpatizou coa suxerencia priscilianista de Duchesne.