Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Incautación múltiple

O franquismo, a través das Xuntas de Incautación, alén de matar e enferrollar nas cadeas ao inimigo, apropiouse dos seus bens. A Portela Valladares, que non quixo ir a Burgos, incautóuselle o Réxime do xornal vigués "El Pueblo Gallego" e de todas as propiedades que tiña na "zona nacional". Portela, no testamento, deixoulle ao Museo de Pontevedra os bens que tiña en Galicia. Pero o Museo nunca recibiu nada nin existe un movemento cívico orientado a executar as cláusulas testamentarias que beneficiarían a Pontevedra e a cultura. Iso ocorreu con Portela Valladares, que era un político millonario. Pero tamén ocorreu con Castelao, a quen lle pillaron o piso de Pontevedra. Porque Castelao era un político pobre que vivía dun magro soldo de funcionario de Estatística. Menos mal que a biblioteca de Castelao terminou felizmente na provincial e finalmente na do Museo de Pontevedra.

Eu quixera que se reconstruíse a teoría e fundamentación xurídica da Incautación para facer xustiza hoxe. "Para que nos devolvan o roubado", canta a versión galega da Internacional. Algún organismo legal debería activarse para conseguir que o mal chamado Pazo de Meirás, e o correctamente definido como pazo urbano de Joseph Cornide Saavedra pasen das gadoupas ladras da familia Franco ao dominio público, se tal aos concellos de Sada e da Coruña. Algo haberá que facer para que as esculturas do Mestre Mateo regresen da colección da familia Franco ao Concello de Compostela. E, tratando da Igrexa católica, deberían os poderes públicos incautarse da antiga igrexa de Bonaval, hoxe Panteón Galego. Vexan que Bonaval era propiedade da Orde Dominicana, á que lle foi expropiado no século XIX. Os dominicos ou dominicanos (os incautados) nunca reclamaron a devolución.

Por arte de birli birloque, e en datas recentes, o Arcebispado de Compostela, que nunca foi dono de Bonaval, conseguiu que o Estado expropiante lle entregase o predio. Hoxe os corpos de Rosalía, Castelao, e outros, xacen nunha propiedade que non é pública e neles manda, omnímodo, o arcebispo de Compostela. Non vexo eu moito movemento arredor destas reivindicacións.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.