Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

As eurocidades miñotas

Vila Nova de Cerveira ten unha universidade especializada en belas artes e arquitectura que leva o nome de Gallaecia. A vocación plástica e cultural da vila e municipio faise evidente en bienais e acontecementos de alto nivel local e internacional. Por algunha razón que ignoramos o grande escritor angolano Luandino Vieira hai tempo que deixou África e veu botar as raigames en Vila Nova de onda o Miño. Alí varan ou fondean aqueles belos barcos de proa guicha que foron insignia das dúas beiras.

En canto a Tomiño, digamos só que no seu termo municipal se acha a vila de Goián, co tesouro vivo do seu dialecto de Tollo, ben estudado pola ciencia lingüística e usado gozosamente pola viciñanza. Eliseo Alonso fixo de Goián unha universidade privada e unipersonal de estudos etnográficos centrados no río Miño, alén de producir considerábel obra literaria da que moito temos fruído. X. Pousa, Antonio Fernández, Xoán Piñeiro foron artistas de Goián, onde seguen a florecer os estudos locais e actividades culturais diversas. A capitalidade municipal, que está en Tomiño, leva adiante iniciativas de grande alcance que converten o concello nun exemplo de eficiencia en todo o noso Baixo Miño (para Portugal sería, máis ben, Alto Minho).

Estamos felices porque os concellos de Vila Nova de Cerveira e de Tomiño camiñan de mans dadas cara a consecución dunha das chamadas eurocidades. Óscar Lopes falou do paradoxo seguinte. A Unión Europea, que é unha entidade sen corazón, como filla que é do capitalismo e do Impero Nortemericano, promove iniciativas que os galegos e portugueses debemos aproveitar para recuperarmos o corazón común perdido nos recuados neboeiros da Idade Media.

Trátase pois de facer que alente a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que non debería levar outro nome ca o de Gallaecia. Vexo que non hai moito entusiasmo político nin ánimo para por en pé a eurorrexión Gallaecia. Iniciativas coma a de Cerveira-Tomiño, e a xemea de Valença-Tui, poden servir, desde a base das sociedades fronteirizas, para facer avantar longos pasos na boa dirección. Sería magnífico que Tomiño e Tui, para melloraren a eurocidade, puxesen en vigor, coa lei galega de réxime local na man, as freguesías administrativas ou parroquias homologando así o municipalismo de aquén e de alén Miño. Sempre o nacionalismo e a esquerda galega (léase Castelao) clamou por que as freguesías ou parroquias administrativas de Galicia se fixesen realidade. Agora Tomiño e Tui poden comezar fundando ao modo portugués republicano, as súas propias parroquias laicas, que hoxe carecen de personalidade pública.

Compartir el artículo

stats