Vila de Cruces celebrou o pasado domingo a 25ª edición da súa Festa Gastronómica do Galo de Curral, unha festa que naceu alá polo ano 1993, coa suposta finalidade de exaltar unha variante máis da cultura gastronómica galega. Nembargantes, desde o concello de Vila de Cruces demostrouse a verdadeira categoría cultural que lle sabe dar ó Galo de Curral, pois non se dubidou en considerar como a decisión máis axeitada celebrar ese cuarto de século do Galo cunha homenaxe en forma de vulgar pregón, que só parece estar acorde coa altura intelectual de quen o decide contratar e pagar cos cartos dos demáis. Non podemos botarlle a culpa ao protagonista dese pregón, de non ser porque non é representante da nosa cultura galega, ao que o concello lle debería enconmendar o honor de homenaxear as vodas de prata do Galo de Curral, tampouco é cuestión de facelo responsable de que desde o concello se decidise darlle á súa festa gastronómica un chabacano tratamento, máis propio dun bolo rosa -incluídas exclusivas de voda anunciadas a bombo e platillo- que dunha festa gastronómica.

Tamén é certo que non podemos pedirlle moito máis a quen, ano tras ano gastronómico, vennos deleitando a tódolos veciños de Vila de Cruces cunhas decisións culturalmente tan "brillantes". Agora ben, non menos certo é que aquel que non sabe debería saber rodearse de quen sí sabe, e non ter medo de percibir os consellos dos demais, como unha sombra que ameace o imperio do seu sempre ambicionado exclusivo protagonismo; un protagonismo que, á vista dos feitos, non semella saber moi ben asumir e dixerir. Sen dúbida, o mellor da festa gastronómica cruceña é o galo que está na cazola, pero non o galo que trata de acaparar todo o foco de atención, e que non se decata de que así afoga a Festa do Galo do Curral nun novo ridículo cultural, do que de tal motivo só el é o responsable.

O domingo non puiden reprimir sentir vergoña propia e allea ao ver e comprobar entre a xente no que rematou converténdose a Festa Gastronómica de Vila de Cruces, unha festa que algúns a conciben como o seu particular chiringuito, co que levar a cabo unha plataforma de tan pouco acertado lucemento persoal, esquecendo sen dúbida o máis importante: que se trata dunha festa do pobo, para o pobo e pagada, precisamente, polo pobo.

*Portavoz e secretaria xeral do Grupo Municipal PSdG-PSOE do Concello de Vila de Cruces