O mércores 9 de maio foi, desde o punto de vista cultural, un día moi importante para Lalín, porque retornou, desde o Museo da Minería de Fontao, ao seu lugar de orixe parte do material que, no ano 2008, viñera para esta vila procedente da Facultade de Xeoloxía de Leiden (Holanda), un material que foi considerado como "o legado de Hilgen", profesor e investigador nesa universidade. O retorno do legado de Hilgen non representa un deses chamativos eventos de carácter cultural que move a centos de persoas senón, máis ben, todo o contrario, porque se trata dun acto, relacionado coa cultura, a pequena escala, pero de enormes dimensións e profundidade.

O legado Hilgen está composto por material científico relacionado co mundo da Xeoloxía e, máis en concreto, co gran pregamento hercínico ou varisco que tivo lugar cando se formou Panxea tras o choque de dous hipercontinentes, Laurrusia ao Norte e Gondwana ao Sur. Ese colosal pregamento dou lugar a unha extensa cordilleira de tipo himalaio (choque do subcontinente da India con Asia) e nunha parte desa cordilleira, coas súas típicas epizona, mesozona e catazona estaba Galicia, a Nosa Terra, esa que viñeron a estudar, con gran éxito, os xeólogos da Facultade de Leiden.

Así que estamos ante unha realidade moi interesante, porque gran parte dos estudos realizados, material recollido e mostras preparadas, refírense á nosa Xeoloxía e temos todo iso aquí. Aínda que non saibamos entender a díficil linguaxe desta Ciencia da Terra, temos a obriga ético-moral de preservar e valorizar este valioso Patrimonio, por iso debemos darlle as grazas o todos cantos están facendo un gran traballo na súa conservación, recuperación, clasificación e posta en valor.

Un traballo que o concelleiroi de Turismo de Lalín, Francisco Vilariño, está a realizar dun xeito eficiente e meticuloso, preocupándose non tan só de coordinar a todas as persoas que participan na recollida e transporte dese material, desde o Museo da Minería de Fontao ao Pazo de Liñares, senón, tamén, tentando habilitar o mellor posible o local onde se van depositar eses materiais, coa idea de que sexa unha dependencia visitable e, sobre todo, un lugar no que se poidan realizar investigacións de diversa índole.

O valor do Pazo de Liñares sae fortalecido con esa pretensión, porque aquí vai a estar unha das mellores bibliotecas de Europa e do Mundo referente ao estudo e coñecemento do pregamento hercínico e un referente indiscutible do estudo xeolóxico de Galicia.