Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

O Nacemento do Reino de Galicia

O rei Hermerico conduciu o pobo suevo desde veigas próximas ao Danubio, na actual Eslovaquia, até a Terra Prometida que para el e os seus foi a provincia Gallaecia. Trátase da pelerinaxe dun pobo enteiro, con mulleres, nenos, guerreiros poemas, gado, e soños do centro Oriente ao Occidente de Europa. Parece que os suevos intentaron pasar á Grande Bretaña, pero os fados e o xogo da taba guiaron Hermerico e a súa nación a onda nós.

Diciamos que eles preservaron o nome de Gallaecia, en canto que Lusitania, Cartaginense ou Bética se perdían nos remuíños do tempo pasado. Hoxe nós somos Galicia. Axuntáronse as elites galegorromana e sueva, segundo os indicios. No ano 411 ou 412 formaron o primeiro reino de Europa: o de Galicia. O poder esa confluencia explica a evolución propia da Gallaecia no intre da fragmentación lingüística da Romania Hermerico chegou a vello reinando sobre esta nosa e súa terra. Podémolo considerar tamén remoto fundador da lingua galega e da portuguesa. No ano 585 os toldaos visigodos conquistaron Gallaecia. Parece que as características nosas permaneceron. Desde logo o nome da Galicia non se perdeu nunca.

Ábrese unha exposición en Ourense sobre o mundo suevo de Galicia, que se proparou so a dirección de José L. Quiroga. Visitarémola, porque, ao noso xuízo, hai dúas tarefas pendentes a propósito do reino da Gallaecia sueva. Unha a de revisar Piel e Kremer, filólogos, para dar explicación en clave sueva da concentración na Gallaecia da cuase totalidade dos antropotopónimos xermánicos peninsulares, tales como Guitiriz, Allariz, Samil, Gondomar, Gandoi, Toimil, Ramiráns, e centos e centos máis do xénero.

Compre unha intervención científica ao respecto, de carácter desgotizador. Ao tempo, consideramos necesario revisar a historia da arte hispánica tal como a describiu Manuel Gómez-Moreno. Hai arte visigoda aquí ou esta marca é unha construcción instrumental e metodolóxica feita polo citado sabio arqueólogo á hora de pór orde no caos dos vestixios que permanecen en Iberia e que son anteriores á arte románica paneuropea? Todo o que se di visigodo na Galicia e Portugal actuáis é visigodo ou pode ser considerado suevo? Os problemas de datación no caso dos antropotopónimos son menos graves ca os que ofrecen os templos como Santa Comba, mal chamada de Bande. Espero que a exposición suscite, polo menos, dúbidas nos recintos académicos.

Compartir el artículo

stats