Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

No Día das Linguas

Seguramente para celebrar o Día (coido que Europeo) das Linguas, a Valedora do Pobo disque lle mandou un ukasse ao concello de Gondomar para que puxese os sinais de tráfico en castelán. Non entendo iso, xa que tales indicadores son símbolos internacionais e non precisan de moito acompañamento verbal.

Hai moita xente en España, incluíndo nela (momentaneamente) Galicia, que sofre do mal da "heroglosofobia". Ou sexa padece de odio ás linguas que non son a deles. "Siempre la lengua fue compañera del Imperio", como dixera mestre Elio Antonio.

Perderon o Imperio, desde México á Patagonia, e mesmo a Illa de Guam que semella ameazada estes días porque España lla cedeu a Norteamérica en 1898. Moitos, ao sentiren falar catalán nun bus, pensan: "Lo hacen por hoder" (así é como se escribe correctamente a palabrota). Parécelles contranatura e unha barbaridade que en España se normalicen as linguas propias e históricas dos seus territorios. Houberon de soportar (con dificultades por parte da Garda Civil de Gondomar e da Valedora) o galego e o catalán como co-oficiais en Galicia, Cataluña, Valencia, Baleares. En Andorra, que é a parte de Cataluña que foi independente sempre, sempre o catalán foi oficial.

Por parte, tiveron que soportar o vasco oficializado, e resucitado milagreiramente, en Euskadi e en Navarra. Ora ben, os máis dos asturianos se resisten a que o seu idioma vello e venerábel sexa plenamente oficial e protexido, e aínda máis que o sexa o galego da Terra Eo-Navia. O único sitio do mundo noque a lingua leonesa goza dun estatuto de recoñecemento público é Miranda do Douro, e so o manteo da República Portuguesa. Os extemeños de dereita e de esquerda son tan heteroglosofóbicos que lle negan o dereito á vida ao galego dos españois do Val do Ellas (provincia de Cáceres). Pero a poboación segue a falar con lealdade conmovedora.

En canto á lingua portuguesa a, que é propia de Olivença e outros puntos de Badajoz (ou sexa Badallouce), cábelles a honra aos extremeños e ao estado español de conseguiren xa case totalmente a súa extinción. Tamén é verdade que no asunto de Olivença, os portugueses son culpabeis por miraren para outro lado, comestos sen dúbida polo seu iberismo e complexo de inferioridade máis ou menos confeso.

Alén mar, como dicía Mio Cid Campeador, España posúe Ceuta, onde o pobo autóctono fala árabe vulgar que as autoridades se resisten a recoñecer. En canto a Melilla, o caso, se cabe, é máis grave. Os autóctonos son de lingua bérbere e historicamente republicanos e refractarios á autoridade do rei de Marrocos. A protección da lingua bérbere do Rif en Melilla outorgaríalle a España, na cidade autónoma, unha certa popularidade que moi ben lle viría nesta hora na que o Imperio de Nebrixa segue a esboroarse. Prodixio. A lingua occitana só está plenamente oficializada en Cataluña, onde a heteroglosofobia camiña cara a extinción.

Compartir el artículo

stats