Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Por unha frota galega

Non trato de Chariño, almirante galego na conquista de Sevilla. Digo que a Galicia humillada dos Séculos Escuros tivo unha mariña de guerra propia. Nin esquerda nin dereita nin nacionalismo nin españolismo queren en Galicia unha policía de obediencia galega. Os vascos tiveron exército propio nos días en que souberon defender lealmente o goberno español da República. E mesmo no exército de Euskadi loitou o Batallón Galego, coa nosa bandeira e con mandos propios. Houbo, desde a Reforma, Mossos aló e Ertzaintza acolá, alén de puchas vermellas, coma sempre, na Navarra foral. Non reclamo agora unha frota ou armada de guerra para a Galicia, coma a que estudou Fernández-Villamil. Só miramos que a empresa privada fracasou, e fixo trampas, na xestión do transporte marítimo de pasaxeiros entre Vigo e as Illas Cíes. No Kayser Report de RT (economía recreativa en clave anarcoide de liña lúcida) explicaron o axioma que reza, con simpleza, así: "a empresa privada funciona mellor ca de titularidade pública". Kayser ría moito ao decerlle aos que o escoitabamos que os ferrocarrís británicos privatizados funcionan pior ca cando eran públicos. A pantasma de Atlee pairou sobre o meu televexo, unindo o seu riso ao de líder do producto televisivo ruso. Alguén, seguramente un dragón maligno procedente do folfklore das montañas de Yenan, rosmeoume na orella que en China existe un nucleo, dominante e estratéxico, de industrias socialistas que non pagan nin sequera a electricidade, que alí tamén é do pobo. Hai, en China, e so o control de PCCh, un dominio básico de economía pública que asegura o crecemento vertixinoso dese País que non arriou a bandeira vermella e estrelada que tanto molesta en Madrid. Os armadores dos barcos ás Cíes abusan da xente e maltratan o medio ambiente. Son empresas que delinquen. É o intre de municipalizar o transporte de persoas na ría de Vigo. "Teño lanchas, teño redes, / teño sardiñas no mare?" - cantaba a vella cántiga da miña infancia. Vigo, Galicia e o irmán Portugal, aquí estamos. Temos asteleiros, temos inxeñeiros navais, temos escolas de Náutica, temos mariñeiros, temos pilotos e oficiais, así de máquinas coma de ponte. Por que non podemos aspirar a termos unha empresa pública municipal de transporte da ría de Vigo coordinada con seriedade co parque natural das Illas Atlánticas ao que pertencen as Cíes? Por que esa nova frota non pode ter o monopolio do transporte de visitantes a todas as restantes Illas Atlánticas? Por que o transporte de turistas non pode ser ampliado a liñas nas que se practique o comercio de carga e pasaxeiros en réxime de cabotaxe por todo o litoral atlántico, de Cádiz a Saint Nazaire e mesmo até Escocia e as Hébridas? Coido que o espírito do vello Breogán estaría connosco.

Compartir el artículo

stats