31 de agosto de 2017
31.08.2017
TRIBUNA LIBRE

Bestiario e Feira Franca

31.08.2017 | 02:51
Bestiario e Feira Franca

Pontevedra dá tanto de si que, nunhas condicións favorabeis, as descobertas do seu encanto nos deslumbran e a magnifican. Recuperada a cidade marabillosamente ao servizo da comunidade, calquera motivo préstase para calibrarmos o seu potencial e fermosura. É o que ocorre, tamén, co tema do bestiario, na Feira Franca.

Animais cotiás ou non, monstros de todo tipo, cando menos os que marcan as nosas coordenadas culturais ao longo do tempo, de raíces grecolatinas (Aristóteles, Eliano, Plinio, o Physiologus...), destacaron na Idade Media en multitude de mostras, en variadisimas formas e trazos. O románico e o gótico bríndannos espectaculares xoias representativas deste asunto en todos os eidos. Arte, literatura, pensamento, acollen un bo repertorio zoolóxico que, cheo de moralización, serve simbólica e didacticamente a un xeito de ver o mundo e interpretalo, desde coordenadas do "ben" e do "mal". Pensemos na predicación desta época e as alegorías que reúne.

O abraio da beleza causada é intenso. Cromatismo, formas, disposición... fieis a un decoro, a unha estética. Non so Nòtre-Dame ou S. Domingo de Silos. No noso país, Galiza, gozamos -por mencionar unhas mostras- cos capiteis e cornixas de Ferreira de Pantón, co cadeirado do coro de San Salvador de Celanova, cos caleiros de San Martiño Pinario, coas ilustracións da nosa prosa, sexa o "Códice Calixtino" (fascinante a miniatura inicial do sermón "Veneranda Dies"), sexa a "Historia Compostelá", onde expresamente se di de Xelmírez non so que como "bo agricultor" loitaba contra as "malas herbas", senón tamén que como "bo pastor" que guiaba as "ovellas" facía fronte aos "lobos", "serpes" e demais feras.

Semellantes exemplos, medievais e mesmo posteriores, ofrece a nosa cidade. A Feira Franca, despois de contemplarmos estes días polas rúas solto o demo co seu cortexo, serve de pretexto acaído para acentuarmos a mirada nela nesta materia tan suxestiva. Daría pé á elaboración dun roteiro do bestiario pontevedrés. Admirariamos, sen dúbidas, os canzorros de Santa Clara, fotografariamos os grifóns do XVI da fonte nos Xardíns de Casto Sampedro, gardariamos na retina o inventario animal da alucinante contraportada e das claves de bóveda da basílica de Santa María, sorprenderíanos a numerosa heráldica. Nada mellor que vivirnos nunha cidade como a nosa e ser conscientes da súa historia e personalidade. Noraboa ao Concello!

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook