Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Que la ciudad les pertenezca un día

O poema apareceu en "El corno emplumado", de México, sobre 1965. Titúlase "Barcelona ja no es bona". O seu autor, Jaime Gil de Biedma, evoca nel unha parella de mozos elegantes, no estilo Gran Gatsby. Trátase dos pais do autor, relacionados coa Compañía de Tabacos de Filipinas. O poema salta á contemporaneidade e foca en primeiro plano, moi ao modo do neorrealismo cinematográfico italiano, un bando de rapaces que xogan nos fosos e murallas do castelo de Barcelona onde foran os fusilamentos. Esquece Gil de Biedma mencionar que nun daqueles fosos Franco fixera fusilar a Lluís Companys, presidente da Generalitat, a quen el odiaba, coma toda a dereita española, por ser nacionalista catalán e avogado moi culto. Os rapaces que xogan criáronse nas chabolas e casellas pobres daquel monte. Non son xitanos, senón fillos de emigrantes murcianos.

No meu tempo, os chamados por F. Candel "outros cataláns" ou emigrados pobres vindos de Andalucia e territorios meridionais da Peninsula, recibían o nome xeneralizador de "murcianos" en Cataluña. Non ouvín o alcume de "charnego", por aquel entón, aínda que sei que circulaba. Gil de Biedma, con moi boa arte, contraponnos no poema á burguesía barceloní. Non menciona o feito de que a máis da alta clase fabril barceloní foi fascista na guerra do 1936-1939 e que, via Francia, correu a refuxiarse en Burgos ao socairo dos militares sublevados. O poema de Gil de Biedma vai progredindo e nun intre avanzado, o autor danos unha información precisa. Aqueles fillos de emigrantes españois do Sul español falan en catalán nos seus xogos. Confesa, con vigor, poético Gil de Biedma o rancor contra a súa propia clase que lle roe no peito. Se cadra usou outras palabras pero quixo explicitar que desexaba a ruína e a caída da burguesía catalana coa da burguesía capitalista do mundo.

Gil de Biedma era de tendencia comunista en días en que Carrillo se desfixera ruinmente de Joan Comorera. Cara o final, o poema faise profético. "Sean ellos (os nenos pobres de orixe murciá) sin más preparación que su instinto de vida / más fuertes al final que el patrón que les paga / (?) / Que la ciudad les pertenezca un día. / Como les pertenece esta montaña, / este despedazado anfiteatro / de las nostalgias de una burguesía". En realidade aqueles "chavas nacidos en el Sur" que Gil de Biedma sentía en Montjuic "hablarse en catalán" acaban de desmontar politicamente o catalanismo burgués. Os "chavas" son a CUP, o cal molesta moito e mete, tamén, medo. Os apelidos dos da CUP son inquietantemente "murcianos" e todo o mundo sabe que, en realidade, eles nunca borrarán o nome de Antonio Machado por moi admirador que este fose, aínda que crítico, virtudes do "macizo de la Raza". Algún próximo apelídase Rufián, mesmo que non o sexa. E Ada Colau non anda lonxe deles. Velaí os fillos e os netos dos nenos que observara Gil de Biedma xogar en catalán nas abas do castelo de Barcelona.

Compartir el artículo

stats