Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Sempre humillados

Na Constitución Española, que os tocados de manía de grandeza chaman Carta Magna, á inglesa, Galicia figura como "Nacionalidad Histórica". E tamén consta así no Estatuto de Autonomía. A pesar diso, os poderes públicos nunca, ao se referiren a Galicia, falan de Nacionalidade Histórica. O que queiran decer e silencian é moi sinxelo: nacionalidades históricas son só Galicia, Euskadi e Cataluña. Ou sexa, aquelas que na anterior legalidade acadaramos un estatuto de autonomía. Os poderes públicos vixentes detestan o feito de que estas nación que nós dicimos Galeuzka constitúan nacionalidades históricas. Poño por caso: se vostede entra, vindo de Portugal, en territorio español pola nova ponte internacional de Valença verá unha placa que reza: COMUNIDAD (en castelán) AUTÓNOMA DE GALICIA. O letreiro non di, como debera e en varios idiomas, algo así como: ESTÁ VOSTEDE ENTRANDO NA NACIONALIDADE HISTÓRICA DE GALICIA. Por suposto, despois de avisarlle constitucionalmente ao automovilista de que xa non roda sobre terra de Portugal. Sempre decemos que en Galicia non existen premios nacionais de literatura, artes, ciencias, espectáculos, para galardoar as nosas mellores mentes e sensibilidades. En realidade, os poderes autonómicos non conferen tales premios porque estes constitúen un atributo de Nación.

O poder do réxime vixente desexa emitir signos que indiquen que Galicia nin é unha Nación nin tan sequera unha "nacionalidade histórica". En Cataluña, Euskadi, mesmo en Castilla-La Mancha, existen premios deste tipo. En Galicia, non. Recibiu o infortunado Ignacio Echeverría, galego de nacemento, unha "Cruz al Mérito Civil" de España. Enfatizouse a condición galega desta víctima da vesania musulmana en Londres. Pero Galicia nunca podería concederlle distinción parella ou equivalente. Aquí non hai ordes, cruces, medallas, condecoracións. Somentes unhas Castelao e da Xunta que carecen de regulamento e que se outorgan sen orde nen concerto e sen discriminación valorativa de méritos do premiado.

Núñez Feijóo recibiu unha condecoración do goberno portugués pero non poido, protocolarmente, corresponder cunha condecoración galega porque non existe ningunha adecuada a estes casos. Non poderá o presidente da Xunta condecorar ao primeiro ministro chinés, se se entrevistar con el na viaxe a Oriente que está a cursar mentres escribo esta bagatela. Tampouco Galicia ten (como podería) resgardo e catálogo de condecoracións militares. Por non haber, eiquí non hai policía autonómica como en Euskadi e Cataluña. Témese que o símbolo nacional se faga carne e chegue a habitar entre nosoutros.

Compartir el artículo

stats