Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Tecnoloxía e mundo feliz

O escritor e novelista inglés Aldous Huxley publicou no ano 1932 unha das novelas de ciencia ficción, futurista ou visionaria que máis ten dado que falar na literatura do xénero: Un mundo feliz. A historia ten lugar nunha sociedade futurista soñada, feliz e controlada ata no máis mínimo dos seus aspectos, denominada Estado Mundial, supervisado e dirixido por dez controladores. Unha sociedade estéril na que os seres humanos nacen en pipetas de laboratorio, non se coñece o amor, tan so o sexo libre e ao gusto de cada quen, cando lles apetece, e aos que progresivamente se van adoutrinando e aleccionando ata lavarlles totalmente o cerebro e que rematen aceptando sen máis, como dogma de fe, certas verdades morais, que interesan ao estado e os seus controladores.

O individuo sempre é inferior e ten que permanecer por debaixo da sociedade no seu conxunto, ten que servir á comunidade sen cuestionarse por qué ou para qué, a súa función única e derradeira é ser consumidor e traballador feliz, para se manter nunha economía sólida e estable, comprometida por e para todos no seu benestar: Traballar, mercar, consumir, gastar e ser feliz, e cando algo non vai ben o recurso final da droga de deseño; o Soma, que manda aos consumidores deprimidos a unha eternidade lunar, unha alucinante evasión da realidade, e todo elo pedido a berros polos propios habitantes deste estado mundial que claman para que nos quiten as liberdades individuais e a capacidade de razoar e criticar no nome da estabilidade e felicidade universal, porque o saber produce infelicidade.

Neste formidable mundo feliz a tecnoloxía ten unha importancia vital que permite ás persoas sentir sensacións físicas pracenteiras, gozar dun entretemento altamente sofisticado, coa música, sabores e olores estraños e sensuais, cativadores, luces e espectáculos impoñentes, posibilidade de transporte cómodo, rápido e marabilloso, produtos altamente sofisticados que fan as cousas cada vez máis doadas e con menos esforzo. Roupas lixeiras, cómodas, que non se manchan nin rompen, comidas estimulantes e unha longa e interminable lista de cousas absurdas, pero que presuntamente fan máis felies aos homes deste estado global.

Cada vez que atopo un destes centros da tecnoloxía ultramodernos e funcionais, que nos están a construír neste absurdo mundo feliz, recordo a novela de Huxley. Cada vez que vou ao baño e a luz non acende, polo que me esnafro contra a pila do wáter, quero tirar da cadea e non hai nin cadea nin farrapos de gaitas, intento lavar as mans e non sae auga, non atopo con que me secar porque o chollo de aire quente non bota ren, e vou saír e a porta non abre porque á cédula fotoeléctrica non lle peta, e cando despois de dous, tres intentos paso adiante, paso atrás, como no pasodobre, e acordándome de todos os demos do mundo, escoito que a cisterna, agora si, bota un chorro de auga, que da billa agora si sae auga quente, que se acende a puñeteira luz no teito do servizo por uns invisibles buratiños, e soa unha musica celestial e relaxante, saio a fume de carozo e maldigo tanto invento inútil e estúpido por mor do aforro, no que o único que aforramos é o seu uso, por non complicarnos máis a vida.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.